Mostrando entradas con la etiqueta fala dos canteiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fala dos canteiros. Mostrar todas las entradas

6 de septiembre de 2012

XORNADA DE PEDRA NO INCIO. DESCUBRINDO O MÁRMORE GALEGO.

XORNADA DE PEDRA NO INCIO. DESCUBRINDO O MÁRMORE GALEGO.

                A fin de semana pasada celebrouse a IV Feira de Artesanía e Etnografía do Incio e fun convidado polo Concello a participar, xa que este ano estivo adicada á pedra. Ao cabo, resultou ser unha pequena xuntanza de canteiros na que tiven o gusto de coñecer a Jose Luis de Becerreá e ao canteiro local, Álvaro Pereiro Rodríguez.
                Tamén estiveron outros xamarúas arjinas (compañeiros canteiros) doutras ocasións como David Soengas, Ramón Villar e Laura Duve, compartindo esta bonita xornada adicada ao noso oficio. Fixemos unha demostración de cantería labrando unha pedra durante todo o día para que o público poidera seguir a evolución do noso traballo e tamén unha pequena mostra dalgunhas das nosas obras.
Foto: Javilla de arjinas (cuadrilla de canteiros). Con (de esquerda a dereita) Ramón Villar (Pardiñas-Guitiriz), Laura Duve (O Barco de Valdeorras), Álvaro Pereiro (O Incio) e Jose Luis (Becerreá).
                A feira tivo un pregoeiro de luxo. Calros Solla adicounos unha sentida gabanza, repasando historias dos vellos canteiros galegos e do seu Cerdedo natal, anécdotas de buxas (mestres canteiros) e morróns (aprendices), referencias ao verbo xido (a fala dos canteiros), cantigas de traballo e outras xideces (cousas bonitas) que fan fatularse (enorgullecerse) do noso oficio.
Foto: O pregoeiro, Calros Solla. A jalruada jinou a mazaricos de arría de todeitos nobis. Cernias de granxo.

FALANDO COAS PEDRAS - O MÁRMORE DO INCIO.


                Aproveitei esta viaxe ás terras do Incio para falar coas pedras e descubrir o mármore galego xa que descoñecía a existencia desta variedade de pedra na Galiza. E na súa procura visitei a Igrexa románica de Hospital do Incio, adicada a San Pedro Félix. 


 Fotos: Detalles das xambas, basas e capiteis da porta principal da igrexa.

                Este mármore foi utilizado en moitas edificacións de época romana na cidade de Lugo pero tal vez a obra máis coñecida sexa o Crismón de Quiroga. 
                No lugar de Pacios atopei a Javier, dono dos terreos nos que estivo a última canteira de mármore, abandonada varias décadas atrás debido á pouca rendabilidade. Aínda que a vexetación foi tapando toda a canteira aínda se poden ver algúns pendellos e outras construcións dos tempos da explotación que amablemente me amosou Javier, deixándome levar algúns cachotes deste mármore, un dos cales utilicei para labrar durante a feira.
Foto: Javier, veciño de Pacios e dono dos terreos da antiga canteira de mármore.
 
Foto: Peza que tallei na feira sobre un dos anacos de marmore da antiga canteira do lugar de Pacios.
                Non estou seguro pero creo que hoxe en día séguese a extraer mármore na localidade de Lóuzara (Samos).

 

O MUSEO DA PEDRA (BUXÁN).

                Por último, descubrín (e recomendo unha visita) a Casa-Museo da Pedra que rexenta o canteiro Álvaro Pereiro Rodríguez. A paixón deste escultor pola heráldica lévao a incorporar novos deseños nos seus escudos de armas e un bó exemplo é o que preside a entrada ao museo, no que incluiu a ferramenta dos canteiros especializados na lousa (de tradición familiar), que realmente é a pedra máis abundante de toda esta comarca. 
Foto: No escudo de arriba (no cuarto superior dereito) pódense apreciar as ferramentas propias dos canteiros da lousa.

                Unha das pezas máis curiosas do museo é este muíño barquiforme que destaca polo seu tamaño (nunca vira un tan grande) e pola inscrición (petróglifo) que se pode apreciar nun lateral e que Álvaro interpreta coma un cervo.
Foto: Muíño barquiforme con gravado lateral.

Foto: Muíño xiratorio.

Foto: Outra das pezas destacadas, procedente dun castro da zona, é esta pía circular con buraco de desaugue (probablemente unha sorte de morteiro ou prensa).


Foto: Álvaro posa diante dun retablo de mármore do Incio adicado a Sarria.

O museo complétase coa súa coleción de esculturas, heráldica e outras pezas arqueolóxicas que non puiden ver debido á nocturnidade da miña visita.
Se ides ás terras do Incio non deixedes de pasar por este museo e coñecer a Álvaro Pereiro. Estou seguro de que, se pode, será o mellor guía para visitar os castros da comarca e contarvos as lendas a eles asociadas.
Non podo máis que mostrar a miña admiración pola labor deste xamarúa, unha mostra de que, polo noso patrimonio, fai máis quen quere ca quen pode.

7 de julio de 2012

CERTAME DE CANTERÍA DE PARGA - AJOUPAMACIÓN DE ARXINAS.

Mañán os arxinas (canteiros) temos xuntanza.

Celébrase a XVIII edición da Feira dos Callos e a Cantería de Parga, no concello de Guitiriz. En realidade a XVII,  xa que o certame de cantería rexurde este ano despois da suspensión do pasado ano - por mor da crise? – que non se celebrou.
Os arxinas chegan á carballeira de Parga sobre as nove da mañán para escoller un cachote de boa pedra de Parga e ás dez comeza o concurso.
Foto: Arxinas muriando (Traduc. :Canteiros traballando).

Para min é unha gozada esas primeiras horas de traballo, nas que desbastamos o bruto da peza, xa que o son da ferramenta manual de 30 arxinas (+/-) enche a carballeira e trasládanos aos tempos nos que este oficio era totalmente tradicional. E non coma nestes tempos nos que estar nun aserradeiro de pedra supón aguantar un ruído insufrible, causado polas máquinas eléctricas.
Segundo avanza a xornada vai chegando o público, que pode seguir a evolución do noso traballo e do resto da programación da feira:  música tradicional, mostra de artesanía, gastronomía, etc,...
Foto: Aquí estou escuriando na arría (Traduc.: picando na pedra).

Foto: David Iglesias Debén, xamarúa arxina da Riela das Mainas.
 (Traduc.: compañeiro canteiro da Terra das Moas).

Finalmente, ás catro da tarde, o xurado valora o noso traballo xa rematado e concedense os premios.
Os arxinas da Terra das Moas (Louriña) deixamos ben alto o noso bo facer dende que asistimos a este certame, xa que, polo menos  ata o de agora, algún de nós sempre resultou premiado.

Foto: Peza da miña autoría premiada nunha edición pasada.


  Foto: Peza de David Iglesias Debén.


                                                   Foto: Peza de Pedro José Rodriguez Álvarez, arxina da parroquia de Atios (Porriño).

As obras premiadas quedan instaladas definitivamente en diferentes espazos públicos do concello.
  
                                              Foto: Peza da miña autoría instalada na subida ao Castelo de Parga.

Tódolos amantes da canteiría temos unha cita mañán en Guitiriz, polo certame e polas boas obras de cantería que dende antigo os arxinas deixaron neste concello.
Foto: Castelo de Parga.
Foto: Pedras con historia formando parte dunha construción máis recente.

Pero sobre todo a pedra en estado natural, como a mín máis me gusta. Aquí temos unha moa con miles de anos de historia que milagreiramente sobreviviu á explotación das canteiras de Parga.

18 de agosto de 2011

O que contan as pedras.


LUCES XIDAS PARA A LEGUAXE TODEITA.
*(na fala dos canteiros, bos días para todos.)


Galiza é de pedra,
eu son galego e canteiro
e pódovos asegurar que,..
as pedras falan.

contareivos cousas que
saben os penedos das fragas,
os pelouros do río e do mar,
os valados das corredoiras
e os sillares das catedrais.

os gravados dos nosos antergos,
e as pedras de namorar,
todas elas falan pero
so algúns as podemos escoitar.




Marcos Escudero.
Terra das Moas (24 de xuño de 2011)