24 de marzo de 2013

SINAIS NA PEDRA (Na terra das Trebas Galaicas).



SINAIS NA PEDRA
(Na terra das Trebas Galaicas).



O pasado mércores inauguramos esta exposición no Museo Provincial de Lugo baixo o título de “Sinais na Pedra, dos petróglifos ás labras”.
A exposición está organizada conxuntamente polas asociacións "Festa da Prehistoria” (de Mós) e "Trebas Galaicas" (de Lugo), co patrocinio da Área de Cultura e Turismo e a Rede Museística da Deputación de Lugo.

Trátase dun pequeno percorrido pola nosa Prehistoria, dende o Paleolítico ata a Idade de Ferro, a través de reproducións en pedra (da miña autoría) e calcos de petróglifos realizados por Manuel Ledo. Ámbolos dous autores cedemos as nosas obras á nosa asociación (Festa da Prehistoria) que atopa así un xeito de autofinanciarse para a realización das súas actividades.





Foto: Calco, detalle de Tourón-Pontecaldelas, de Manuel Ledo


Foto: Replica de "cabeza trofeo" de Armea con calco ao fondo.

Por outra banda a asociación de recreación histórica, “Trebas Galaicas”, mostrou dende o primeiro momento un enorme interés polo noso traballo e xestionou acertadamente tódolos trámites para que a exposición chegara a facerse.

Foto: Membros das dúas asociacións o día inauguración da exposición.

Non quero facer aquí unha descripción do contido desta mostra e soamente amosarei algunhas fotos para acompañar o relato de como coñecín a estes galaicos na “Festa do Esquecemento” (de Xinzo de Limia) en 2012.

A nosa asociación, baixo o nome de "O clan do Porco Bravo" estivo presente nas tres primeiras edicións desta festa (2000-2001-2002) e xa había tempo que eu non acudía en axuda dos Límicos para evitar o paso das tropas de Décimo Junio Bruto. Desta volta non fun en actitude guerreira, senón que fun representando ao meu oficio de canteiro, con varias reproducións da época galaico-romana, para ambientar un pouco o evento.

 Foto: Neno manipulando un muíño xiratorio.

 Puxen a disposición do público un muíño xiratorio, para ledicia dos máis pequenos, e durante os dous días de festa estiven tallando unha réplica dun dos sedentes atopados en Xinzo que precisamente forma parte desta exposición no museo de Lugo.

 Foto: Réplica do sedente de Xinzo de Limia.

Nestas celebracións algúns participantes tenden a “disfrazarse” (de romanos ou galaicos), e digo disfrazarse porque é verdade,… a xente vai de festa,… non se lles vai a esixir un excesivo rigor.

Pero hai outros que van moi ben caracterizados, coidando tódolos detalles con verdadeiro acerto e chamáronme moito a atención dous galaicos pola súa vestimenta, adobíos e a súa panoplia guerreira. Paráronse a falar comigo, admirando a estatua do guerreiro galaico e outras reproducións castrexas que eu tiña expostas alí.
Así foi como coñecín á asociación “Trebas Galaicas” de Lugo, unha das moitas que participan en “ARDE LUCUS” pero non unha calquera, xa que oín como os membros doutra tribo lucense aseguraban que Trebas Galaicas “eran os mellores”, “así tiñamos que ir todos”, dicían.

Foto: Cos membros Tebras Galaicas, Ángel e Carlos.
 

Foi aquí, no “Esquecemento”, onde empezou a fraguarse esta exposición con obradoiros didácticos que permanecerá no museo provincial de Lugo ata o 20 de abril.

Aquí hai máis información e podedes descargar o folleto da exposición. Espero que vos guste!.



UNHA PEDRAFITA DEITADADA

 NA PARTE TRASEIRA DO MUSEO DE LUGO.


Durante a montaxe da exposición decateime da existencia dunha pedrafita deitada no xardín traseiro do museo. É unha mágoa que este magnífico exemplar non estea en posición vertical para poder apreciala mellor e tamén para evitar o deterioro producido pola humidade na cara que está en contacto directo co chan.


 Foto: A pedrafita de ¿?, deitada na parte traseira do museo.

Tratarei de trasladar esta preocupación á directora do museo, xa que a solución é bastante doada e a peza é realmente interesante. Como se pode ver nas fotos, a este menhir non lle falta detalle: coviñas gravadas e cabeza esculpida ao xeito fálico (permítaseme a expresión "caralluda").


Cando remate a exposición voltarei pola terra das Trebas Galaicas. Daquela falarei con outras pedras.