Mañán os arxinas (canteiros) temos xuntanza.
Celébrase a XVIII edición da Feira dos Callos e a Cantería de Parga, no concello de Guitiriz. En realidade a XVII, xa que o certame de cantería rexurde este ano despois da suspensión do pasado ano - por mor da crise? – que non se celebrou.
Os arxinas chegan á carballeira de Parga sobre as nove da mañán para escoller un cachote de boa pedra de Parga e ás dez comeza o concurso.
Foto: Arxinas muriando (Traduc. :Canteiros traballando).
Para min é unha gozada esas primeiras horas de traballo, nas que desbastamos o bruto da peza, xa que o son da ferramenta manual de 30 arxinas (+/-) enche a carballeira e trasládanos aos tempos nos que este oficio era totalmente tradicional. E non coma nestes tempos nos que estar nun aserradeiro de pedra supón aguantar un ruído insufrible, causado polas máquinas eléctricas.
Segundo avanza a xornada vai chegando o público, que pode seguir a evolución do noso traballo e do resto da programación da feira: música tradicional, mostra de artesanía, gastronomía, etc,...
Foto: Aquí estou escuriando na arría (Traduc.: picando na pedra).
Foto: David Iglesias Debén, xamarúa arxina da Riela das Mainas.
(Traduc.: compañeiro canteiro da Terra das Moas).
Finalmente, ás catro da tarde, o xurado valora o noso traballo xa rematado e concedense os premios.
Os arxinas da Terra das Moas (Louriña) deixamos ben alto o noso bo facer dende que asistimos a este certame, xa que, polo menos ata o de agora, algún de nós sempre resultou premiado.
Foto: Peza da miña autoría premiada nunha edición pasada.
Foto: Peza de David Iglesias Debén.
Foto: Peza de Pedro José Rodriguez Álvarez, arxina da parroquia de Atios (Porriño).
As obras premiadas quedan instaladas definitivamente en diferentes espazos públicos do concello.
Foto: Peza da miña autoría instalada na subida ao Castelo de Parga.
Tódolos amantes da canteiría temos unha cita mañán en Guitiriz, polo certame e polas boas obras de cantería que dende antigo os arxinas deixaron neste concello.
Foto: Castelo de Parga.
Foto: Pedras con historia formando parte dunha construción máis recente.
Pero sobre todo a pedra en estado natural, como a mín máis me gusta. Aquí temos unha moa con miles de anos de historia que milagreiramente sobreviviu á explotación das canteiras de Parga.


