15 de marzo de 2014

AS MOAS NO PXOM DO CONCELLO DE MÓS



As alegacións presentadas pola A.C. "Festa da Prehistoria" están sendo estudiadas polo equipo redactor do Plan de Ordenación Municipal do Concello de Mos e o Faro de Vigo publicou esta semana a noticia referente ao traballo de campo que está a levando a cabo o arqueólogo Alberte Reboreda:

Dende aquí quero agradecer o traballo realizado por Alberte nestes días pero tamén a colaboración que ao longo de 15 anos doutros arqueólogos, etnógrafos, especialistas en toponimia, xornalistas, etc, que se teñen prestado a participar nas actividades organizadas pola asociación e aos propios membros desta, que teñen pateado a Serra do Galleiro para controlar o estado dos xacementos existentes.

Tampouco quero esquecerme de todos aqueles que secundaron as nosas alegacións presentándoas a título persoal.

MOITÍSIMAS GRAZAS A TODOS!

Aproveito esta ocasión para agasallarvos con novas fotos das moas máis espectaculares, que pasarán a formar parte do catálogo publicado neste blog na páxina A TERRA DAS MOAS.


O PENEDO DO MOUCHO.


Rebautizado polo investigador Francisco Javier Baquero Rotea como "A cara de Mós" nun calendario publicado pola coral polifónica "Ventos do Val". Nótese a feitura deste xigante de pedra que parece repousar eternamente no lugar da Pedreira (Barrio da Gándara). 


Penedo do Moucho (foto: Eladio González)




Aos pes do Penedo do Moucho (foto: Eladio González)

 

 A LAPIÑEIRA DA FRAGA.




 Esta coñecida cova granítica, onde se celebran algúns dos actos da festa da Prehistoria, está chea de historia e probablemente estivo habitada dende tempos inmemoriais. Nos anos 40 foi o fogar dunha muller que sufriu as consecuencias da guerra, de aí o outro nome desta lapa: "o penedo da Pucha". 
De neno cheguei a ver aos canteiros que a usaban como refuxio. Precisamente foi a extracción de pedra a que atrancou a saída que tiña pola outra banda, que aínda lembran algúns veciños.


A Lapiñeira da Fraga.
 No interior da Lapiñeira da Fraga os cavernícolas da Terra das Mós conviven durante a celebración da festa da Prehistoria


A LAPIÑEIRA DE ANTONIO PEIDEIRO.



Con total seguridade nalgún momento tivo outro nome, pero non chegou aos noso días.
A escatolóxica denominación que poidemos recoller obedece a unha anécdota graciosa que debeu de acontecer recentemente.



Lapiñeira de Antonio peideiro (dende o Norte).


Lapiñeira de Antonio peideiro (dende o Sur).
É de supoñer que esta lapa tamén serviu de abrigueiro aos veciños que coidaban o gando no monte a xulgar por este rebaixe a xeito de piouca que se atopa xusto enfrente.




PENEDO AGUDO.




Auténtico fito natural que milagreiramente sobreviviu no medio da chamada "canteira da cova", actualmente clausurada. Tamén recollemos o nome de "penedo da butra", en clara alusión a certo tipo de ave rapaz que aniñaba no alto.


O penedo agudo e restos da escombreira xenerada pola extracción de pedra.






Lamentablemente a canteira soterrou a cova que lle dá nome. Segundo aseguran os máis vellos esta "cova dos morcegos", así se chamaba, era realmente grande pero non temos documentos gráficos que nos indiquen as súas verdadeiras proporcións.




O penedo agudo visto dende o corte da canteira da cova.

AS VARANDAS.




Trátase dun balcón granítico que forma un auténtico labirinto cheo de abrigueiros e covas espectaculares. Unha paraxe verdadeiramente idílica.



Nas Varandas, Alberte Reboreda, César González Oya (A.C. Festa da Prehistoria) e Rodrigo (Proteción civil de Mos), na visita realizada esta semana para realizar o traballo de campo do PXOM de Mos.


Visita á cavidade grande das Varandas nun roteiro organizado pola A.C. Festa da Prehistoria.

Outra foto onde se pode apreciar a capacidade da cova grande das Varandas

 

HAI MOITÍSIMAS MOAS MÁIS...

... con lendas asociadas, usos populares, e curiosísimas formas de caras e animais, que deixarei para outra ocasión. Como adianto, aquí tedes este curioso animal, que semella petrificado dende o Pleistoceno no lugar das Tomadas (Barrio da Gándara). Chamémoslle... PEDRASAURO.

















Agardo que teñades disfrutado destas fotos e se queredes visitar estas moas podedes facelo percorrendo o PR-G 67 "Sendeiro Histórico da Parroquia de Mos".

Se vos poñedes en contacto con nós poderemos acompañarvos, farémolo con moito gusto.
  
O enderezo é festadaprehistoria@gmail.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario