27 de noviembre de 2013

A TERRA DAS MOAS (III).


OS MOSENSES VIMOS SENDO… DA TERRA DAS MOAS.

(no programa DE QUEN VES SENDO? da TVG).

Na edición do 10/11/2013, adicada ó oficios, este programa visitou a Escola de Canteiros de Poio, onde Calros Solla fixo de improvisado anfitrión jalruando un jichaino en verbo xido (falando un pouco na xerga dos canteiros).

O que “A Pedra que Fala” ten contado aquí sobre a “Terra das Moas” tamén chamou a atención da productora deste programa da TVG, que se achegou a coñecer a algúns dos mosenses que viven entre as moas.

Esta aparición na televisión foi de gran axuda para divulgar a verdadeira orixe do topónimo do Concello de Mos.

Moitas grazas a todo o equipo do programa DE QUEN VES SENDO?.



Foto: Moas no lugar de Merouces, no Barrio da Gándara. Parroquia das Mós.



Ademais de divulgar, este feito tamén reabriu a polémica, e xa foron varios os veciños que me preguntaron incrédulos polo tema, afeitos a escoitar dende sempre “Mos ven das rodas dos muíños”.
Aproveito calquera acto que se preste, sexa público ou privado, para reivindicar que os afloramentos graníticos -noutrora tamén chamados "moas"- foron os que lle deron o nome a estas terras, citadas nun documento do s. XIII como Terra de MolisA Terra das Moas.



Foto: Outras moas do lugar de Merouces, no Barrio da Gándara. Parroquia das Mós.


A toponimia parécese moito á arqueoloxía e outras ciencias. Algúns conceptos que se daban por sentados poden cambiar trala aparición dun documento antigo ou tras unha nova excavación.

Aquí sempre nos dixeron que o topónimo viña das “rodas dos muíños”, que eran moi abondosos no concello pero agora que toca resetear esta parte da nosa configuración, parece que somos os propios mosenses ós que máis nos custa admitir o cambio.

Pensei que o publicado nos anteriores capítulos de “Terra das Moas“ (capítulo I, capítulo II) chegaría para convencer aos máis indecisos, aínda que vexo que segue habendo reticencias ao respecto, a pesar das opinións dos mellores especialistas en toponimia (Gonzalo Navaza, Cabeza Quiles, etc,…).


Pero todo este traballo de divulgación vai dando os seus froitos...



AO CONCELLO DE MOS CÚSTALLE “RESETEAR”.
QUE SI …, QUE DIN ALGÚNS…

Isto é o que aparece nun folleto-mapa cos sendeiros e recursos turísticos que publicou recentemente o noso concello:


ATENCIÓN AO DATO!

Espalladas por todo o val da Louriña, aparecen
grandes penedos ou moas, de cuxo nome, din algúns,
deriva o topónimo “Mos”.

Cando lín este “din algúns”, deime por aludido pero… que lle imos facer? Ao cabo, o verdadeiramente importante é que por primeira vez o concello o fai público,… aínda que sexa coa boca pequena.

O malo é que este apartado adicado á paisaxe está ao lado deste outro recadro titulado “Terra de Muíños”, que provén da mala interpretación de “Terra de Molis”.


É moi recomendable a visita aos muíños de Pereiras, recentemente rehabilitados, pero non se vaian a enganar, aquí non hai nin máis nin menos muíños que en calquera outro concello da comarca.



A continuación deixo unhas cantas razóns para axudar aos indecisos:


ALGÚNS EXEMPLOS CON IMAXES… VALEN MÁIS QUE MIL PALABRAS.




A moa máis coñecida en Galiza é, sen dúbida, a do monte Pindo. Na rede hai información e imaxes dabondo para quen non coñeza a moa que coroa o cumio do chamado “Olimpo Celta”.


Foto: O punto máis alto do monte Pindo, "A Moa", rañando as nubes (vista dende o Castro de Mallou, Carnota).

 

OUTRAS MOAS DO SUR DE PONTEVEDRA.


 

 O COTO DA MÓ (na Serra do Galiñeiro).


No Galiñeiro Sur, cara ó poñente, chama a atención esta formación de penedos que sobresae na ladeira rochosa. O chamado “Coto da Mó” é un punto de referencia na paisaxe da serra, sobre todo visto dende o Norte, coa súa apariencia de agulla.


Foto: Aos pés do Coto da Mó durante unha das moitísimas andainas organizadas pola Plataforma  pola proteción da Serra do Galiñeiro.



Foto: Coto da Mó da Serra do Galiñeiro .


foto: O Coto da Mó, inconfundible visto dende o Norte.


 

A MOO, (o barrio da / o campo da) (Matamá, Vigo).

Aparece este topónimo con dúas variantes: A Moo e A Mó. O caso é que esta moa, “o Penedo da Moo”, dalle nome ao campo de fútbol, a un camiño e un barrio enteiro desta parroquia viguesa. Moi preto está o petróglifo das Millaradas.
 










PÉ DE MULA (Sabaxáns, Mondariz).

Outra variante do topónimo moi curiosa atopámola aquí. Neste caso, do latín mola evolucionou en “mula”.


O curuto granítico chama poderosamente a atención na paisaxe da contorna, e así debeu de ser dende a noite dos tempos, a xulgar polos marabillosos gravados rupestres realizados- ao pé da moa- na ladeira Leste.





Recomendo a visita a esta estación rupestre, que está axeitadamente sinalizada. (Nota: Subindo polo camiño que leva aos petróglifos atópase unha cancela que pecha a saída do gando solto, hai que abrila para pasar e despois volver a pechala). 

Este excelente traballo fotográfico de Ángel de Prado amósanos os gravados.



OUTEIRO DAS MOS (Pinzás-Tomiño).

En 1851 as moas deste outeiro foron gravadas cos nomes das freguesías estremantes. Pódese ver unha foto e máis información neste díptico:



Hai moitos exemplos máis en toda Galiza que deixarei para outra ocasión.

 

 

E FÓRA DE GALIZA...?   OUTRAS “MUELAS” OU “MOLAS”.




Noutras partes da península algunhas formacións rochosas reciben o nome de “muelas” (castelán) ou “molas”(catalán, valenciano).

No “Diccionario de Topónimos españoles y sus gentilicios” (Espasa, 2003) indicase que “la muela” é un topónimo descriptivo que provén do latín “mola”, co significado de altozano rocoso o peña. Tamén incide o autor na controversia ao advertir a confusión de moitos que “creen que esta acepción viene de muela o rueda de molino” .


Estes son algúns dos exemplos máis representativos.

- Mola d’Ares (Ares del Maestrat, Castellón): é un monte de 1348 metros de altitude. A pouca distancia hai outra moa, Mola del Vilá, de similares características. http://pedaltop.blogspot.com.es/2012/01/ruta-morellana.html

- Mola de San Juan (Teruel, Aragón): a 1841 metros de altitude. Forma parte dun conxunto de “muelas” calcáreas dos "Montes Universales". http://www.panoramio.com/photo/59746290?tag=Griegos

- Pico de La Muela (Las Valeras, Cuenca): a imaxe desta moa, un impoñente balcón sobre o río Gritos, é a imaxe máis difundida de “La Hoz”. http://mw2.google.com/mw-panoramio/photos/medium/1807452.jpg
       
- Puerto de Las Muelas (Ronda, Hoya del Tajo) é outro exemplo impresionante. http://chusay.blogspot.com.es/2011/10/al-pie-del-tajo-de-ronda.html

- La Muela: localidade que concentra o seu casco urbán ao redor dun monte rochoso con moita historia. http://www.rutasconhistoria.es/loc/monroyo


En breve publicarei máis datos e fotos dalgunhas das moas máis impresionantes desta “Terra das Moas”, situada no Val da Louriña.


“Outros”, “algúns”,... seguirán comulgando con rodas de muíño.



No hay comentarios:

Publicar un comentario