Mañán os arxinas (canteiros) temos xuntanza.
Celébrase a XVIII edición da Feira dos Callos e a Cantería de Parga, no concello de Guitiriz. En realidade a XVII, xa que o certame de cantería rexurde este ano despois da suspensión do pasado ano - por mor da crise? – que non se celebrou.
Os arxinas chegan á carballeira de Parga sobre as nove da mañán para escoller un cachote de boa pedra de Parga e ás dez comeza o concurso.
Foto: Arxinas muriando (Traduc. :Canteiros traballando).
Para min é unha gozada esas primeiras horas de traballo, nas que desbastamos o bruto da peza, xa que o son da ferramenta manual de 30 arxinas (+/-) enche a carballeira e trasládanos aos tempos nos que este oficio era totalmente tradicional. E non coma nestes tempos nos que estar nun aserradeiro de pedra supón aguantar un ruído insufrible, causado polas máquinas eléctricas.
Segundo avanza a xornada vai chegando o público, que pode seguir a evolución do noso traballo e do resto da programación da feira: música tradicional, mostra de artesanía, gastronomía, etc,...
Foto: Aquí estou escuriando na arría (Traduc.: picando na pedra).
Foto: David Iglesias Debén, xamarúa arxina da Riela das Mainas.
(Traduc.: compañeiro canteiro da Terra das Moas).
Finalmente, ás catro da tarde, o xurado valora o noso traballo xa rematado e concedense os premios.
Os arxinas da Terra das Moas (Louriña) deixamos ben alto o noso bo facer dende que asistimos a este certame, xa que, polo menos ata o de agora, algún de nós sempre resultou premiado.
Foto: Peza da miña autoría premiada nunha edición pasada.
Foto: Peza de David Iglesias Debén.
Foto: Peza de Pedro José Rodriguez Álvarez, arxina da parroquia de Atios (Porriño).
As obras premiadas quedan instaladas definitivamente en diferentes espazos públicos do concello.
Foto: Peza da miña autoría instalada na subida ao Castelo de Parga.
Tódolos amantes da canteiría temos unha cita mañán en Guitiriz, polo certame e polas boas obras de cantería que dende antigo os arxinas deixaron neste concello.
Foto: Castelo de Parga.
Foto: Pedras con historia formando parte dunha construción máis recente.
Pero sobre todo a pedra en estado natural, como a mín máis me gusta. Aquí temos unha moa con miles de anos de historia que milagreiramente sobreviviu á explotación das canteiras de Parga.
Marcos, "mostro": xa me enterei que gañaches o primeiro premio. Parabéns. Moi bonita a peza que fixeches.
ResponderEliminarSaúdos,
Jose.
Grazas Jose, alá foi a xuntanza de canteiros en Parga e tiven a sorte de acadar o primeiro premio do concurso. Imaxino que viches a peza aquí http://www.lavozdegalicia.es/lugo/
Eliminarou aquí?
http://elprogreso.galiciae.com/nova/182729.html
O xompela (traduc:compañeiro) Juan Vazquez do Porriño levou o terceiro premio, confirmando que a “Terra das Moas” é terra de xidos arxinas (bos canteiros).
Quero destacar e felicitar o segundo posto de Laura Duve xa que non é habitual a participación de mulleres arxinas.
Pero a cousa non rematou ahí, tamén tiven a sorte de coñecer un pouco mellor a Manuel Silva Rey, natural de Santalla (Begonte). Se houbese un premio ao mellor arxina, habería que darllo a este home de pedra, sen pelos na lingua e cos batoques ben postos.
Este si que é un “mostro”, un auténtico canteiro, coma os de antes! Está claro que non fan falta escolas, hai que mamalo oficio nas murias (nas obras).
Saudos. Noraboa polo premio. O ano pasado pasamos pola zoa facendo a ruta de sendeirismo e vimos algunhas, este ano tamén están espostas en Parga para a súa visita? Pódese pasar este próximo fin de semana. Saudos. Alex
ResponderEliminarGrazas Alex. A verdade é que non sei onde están tódalas pezas e penso que tardan bastante en colocalas. Atoparédelas na carballeira de Parga, na subida ao Castelo e tamén un grupo na outra beira da via do tren, moi cerca do paso a nivel. Tamén teño visto algunha na vila (Guitiriz), o mellor será que preguntedes alí mesmo.
EliminarQue teñades boa andaina e non deixedes de pasar pola pena Xiboi (agradezo unhas boas fotos).
Hola amigo ,gustame o teu blog e tamén que fales de min,queriache comentar que onde pos Juan Rodriguez é Pedro José Rodriguez Alvarez, el é meu irmàn è o canteiro son eu.
ResponderEliminarSaudos Pedro J.
Desculpas Pedro, agora mesmo corrixo o dato.
EliminarOes,... pero eu lembro un ano que carilla de toi tamén xaraba escuriando,... non é?
axanvo xirio xamarrúa!