13 de noviembre de 2017

Xornada de Voluntariado no entorno da Laxe da Cruces

O sábado, 11 de novembro, subimos ata a Chan de Pou, por enriba do barrio do Pantaño (Louredo-Mós) para facer un traballo necesario no entorno da Laxe das Cruces.
A cuadrilla, composta por Manolo Figueroa (da CMM de Louredo), Carlos Graña (fillo adoptivo de Petelos), Nico Morales (da Parroquia de Dornelas), Nuria Rodríguez (dende o Morrazo) e un servidor (na compaña de "Morrón", o can petroglifeiro) acometeu a laboura de levantar un muro que ha de protexer os gravados das escorrentías torrenciais que adoitan baixar do Galleiro cando chove.

Pola tarde Diego Copena (de ADENCO) achegabase dende o outro lado da serra (Ribadetea-Ponteareas) para darlle o relevo a Carlos e Manolo e así rematar a laboriosa tarefa.


 
Ao mesmo tempo outro grupo de voluntarios facía varias labores (limpeza, fotografía, etc,...) baixo a dirección da arqueóloga encargada da posta en valor da Laxe das Cruces.
Todo isto ante a cercanía dunha data especial, o Día Mundial do Patrimonio (16 de novembro), que este ano contará con numerosas actividades organizadas polas asociacións integrantes da REDE DO PATRIMONIO CULTURAL en toda a xeografía galega.


Foto de Nico Morales: A cuadrilla "muriando" duramente.

Foto de Nico Morales: Facendo o muro enriba da Laxe da Cruces.


Foto de Nico Morales: O "encarjado" non perde detalle.

Foto de Nico Morales: Amoreando pedras.

A Asociación Cultural VIAXAMOS NO TEMPO (antes Festa da Prehistoria), coa colaboración da CMM de Louredo, organizará o día 18 una visita a esta Laxe das Cruces na que os participantes poderán seguir a evolución dos traballos e as explicacións que sobre este gravado nos vai dar a directora desta intervención, Herminia Rodríguez.

Foto de Nico Morales: Nuria apañando pedras.


Foto de Nico Morales: O muro xa case rematado.

Pero veremos algo máis! unha nova sorpresa! As pedras siguen a falar na Terra das Mós.
Non vos perdades as publicacións desta semana nas que iremos adiantando algo e anotade o sábado (18) nas vosas axendas.



6 de noviembre de 2017

A Laxe das Cruces de Louredo-Mós despois dos incendios





Despois de moitos anos de agresión-denuncia-reclamación, a LAXE DAS CRUCES vai ter "por fin" un pequeño estudo e una revalorización para que os vecinos poidan comprender este gravado.

Pero imos ir por partes para situarnos:

Xa en 2008 denunciamos o paso continuo de motos por riba da laxe. A partir desa denuncia púxose un balizamento de madeira para evitar que os "motarras" seguiran pasando por alí.  

En 2014 tras un roteiro organizado pola A.C. Festa da Prehistoria atopamos na laxe una agresión totalmente "malintencionada". Cando chegamos alí advertimos que había tres cruces máis recén gravadas. Aínda saía o po da pedra ao soplar sobre elas, e todo xusto no día no que íamos levar ata alí a unas 60 persoas que participaron na andaina.

Foto: Marina Alcalde e Salva Sío, da A.C. Festa da Prehistoria, examinando as cruces grabadas en xuño de 2014.


Daquela fixemos o pertinente comunicado (foron varios) ante a Dirección Xeral de Patrimonio e despois de moitos intentos e reclamacións (da A.C.Festa da Prehistoria e a CMM de Louredo) conseguimos que por fin neste 2017 houbera un compromiso para poñer en valor o gravado.

Pero a última agresión aínda estaba por vir. Foi o incendio que estes días tamén afectou á serra do Galleiro. Deixo aquí unas fotos do entorno do petróglifo antes e despois do incendio.

Foto: Despois do incendio.
Foto: 15 días antes do incendio co equipo de arqueólogas que van facer os traballos de posta en valor.

Afortunadamente o lume non afectou demasiado á pedra e o calor non fixo "descunchar" a capa superfial (polo menos a simple vista). A posta en valor comprometida estivo a piques de fracasar debido aos incendios deste "outubro negro"

Foto: Despois do incendio.

Foto: 15 días antes do incendio co equipo de arqueólogas que van facer os traballos de posta en valor.

Hoxe, 6 de novembro, comenzaron os traballos para retirar a madeira queimada baixo a supervisión do equipo de arqueólogas e xa iremos contando como vai quedando todo.  Estade atentos ás publicacións no facebook da Festa da Prehistoria porque, con motivo do Día Mundial do Patrimonio (16 de Novembro), organizaremos una nova visita para ver como quedou todo.

Foto: Despois do incendio.

Foto: 15 días antes do incendio co equipo de arqueólogas que van facer os traballos de posta en valor.

No seguinte enlace podedes ver una entrada anterior onde se aprecian mellor os gravados desta laxe.