30 de julio de 2012

CANTERIOS NO OBRADOIRO, AJOUPAMACIÓN DE ARXINAS II - 28 DE XULLO

AJOUPAMACIÓN DE ARXINAS II – A PEDRA QUE PISAS
“A Pedra que pisas” é o nome dunha serie de iniciativas encamiñadas a conservar o pavimento histórico de Compostela dirixida pola Fundación Laboral de la Construcción Galicia e o Consorcio de Santiago.
Unha destas iniciativas é o concurso Canteiros no Obradoiro, no que por cuarto ano consecutivo (28 de xullo), os arxinas (canteiros) seleccionados tiveron que facer unha lousa escuadrada por cinco das súas caras partindo dun bloque de pedra irregular.
A labra dunha pedra destas características é o A,B,C, deste oficio.


Foto: arxinas chegando á escola de canteiría de Santiago.
Felicito á organización deste concurso xa que volver a escoitar a ferramenta dos arxinas na Praza do Obradoiro supón unha ledicia para tódolos que nos gusta a pedra e o noso oficio. Por outra banda o público – moi numeroso nestas datas – pode facerse á idea de todo o traballo que hai na capital e decatarse de que non só hai que mirar para arriba - ás torres e fachadas dos edificios históricos – senón que no chan existe un inmenso traballo feito ao longo dos séculos.
Foto: as lousas enriba dos bancos de traballo.
Este ano, por primeira vez, tiven a sorte de poder participar e comprobei que os organizadores pensan en todo e o duro traballo vese recompensado pola atención e o bo trato recibido.
Foto: a organización incluso habilitou un espazo para que os máis pequenos probaran a escuriar na arría (picar na pedra).
Ademáis do porriñes Juan Vázquez, que xa participaba por segundo ano e conseguiu o primeiro dos accésit, nesta edición participamos tres arxinas máis da Louriña por primeira vez.
Foto: Juan Rodriguez de Atios (O Porriño), eu e David Iglesias Debén (As Mós).
Agora que xa coñecemos os pormenores do certame tentaremos traer algún premio en vindeiras edicións para o Val da Louriña, que actualmente, é a terra dos canterios por excelencia.

Francisco Cao Camino. UN GRAN MESTRE CANTEIRO.
Como xa dixen, escuadrar unha pedra para facer un sillar (ou unha lousa coma a que tivemos que facer onte) é a proba que ten que superar todo canterio que se precie. Antigamente era o exame final para os aprendices que, despois de dominar esta técnica, deixaban de ser pinches e recibían do mestre canteiro a súa propia ferramenta.
Tódolos canteiros que fomos ao certame sabemos facer un perpiaño (sillar) pero hoxe en día traballamos con ferramentas eléctricas que adiantan moito o traballo e non temos tanta práctica na labra con ferramenta manual.
Por iso quero destacar o meu respecto e admiración por Francisco Cao Camino, o gañador do concurso que para min xa mereceu o premio soamente por presentarse coa ferramenta na praza do Obradoiro.

Atención queridos lectores, por favor, quítense o sombreiro ante esta foto! Este home ten 77 anos,.. xa labraba na pedra cando o resto dos participantes aínda non naceramos.

Foto: aquí estamos co Buxa (maestro canteiro), Francisco Cao Camino.

Tiven a sorte de sentarme enfronte del á hora de comer e coñecelo mellor. Xa era canterio na Estrada cando, con 25 anos, emigrou ao Brasil e alí seguiu a traballar na pedra.
Sempre direi -con todo o respecto ao labor das escolas de canteiros- que este oficio hai que mamalo nas murias (nas obras).

Foto de grupo de tódolos participantes, organizadores e autoridades.
Queda outra ajoupamación de arxinas (xuntanza de canterios) antes de que remate o ano e todos aprenderemos moitas cousas máis. Espero poder asistir e dar conta do que alí aconteza.  

 

Foto: Francisco Cao Camino gravando a súa marca de canteiro na lousa,...
...que pronto pisaremos nalgunha rúa de Santiago 





2 comentarios:

  1. I knew this article and i am really interest in this post and site. So i need some other important article in this site,because i want to busy at this site.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Thank you for your coment. I dont know a lot of english but I can understand what you said.
      I´m happy knowing that you like what the stones speak.

      Eliminar