30 de enero de 2012

PEDRA SOBRE PEDRA (Louro-Louredo-Louriña)

Nos capítulos I e II da Terra das Moas faleivos da orixe do topónimo “Mós”, relativo ás enormes moles de pedra.
Pero a toponimia desta terra segue a facer referencia á pedra, por iso esta entrada leva por título “Pedra sobre pedra”,… sobre pedra,… sobre pedra,… sobre pedra,…

Foto: Moa en equilibrio en Penide (As Mós)

LOURO – LOURIÑA – LOUREDO. Pedra – pedriña – pedroso.

O río Louro nace na Fonte Louriña, aos pés do Galleiro, na parroquia de Nespereira, que é a estrema Sur do concello de Pazos de Borbén coa Terra das Mós, e todo o noso val colle o nome desta fonte.

Foto: Un dos regueiros que, baixando entre pedras, alimenta ao río Louro en Nespereira (Pazos de Borbén).

Para algúns este topónimo fai referencia ao loureiro (especie arbórea) e outros quixeron atopar ouro nas ribeiras do noso río, pero realmente Louro atende ao significado de pedra.
O filólogo Fernando Cabeza Quiles, no seu libro “Os nomes de Lugar”, fálanos dunha antiga base indoeuropea *l-r, *lor , que temos que ter en conta, xa que está presente noutras linguas europeas, por exemplo en verbas como laurica=cova (latín) e llorca=escondedoiro, madriguera (catalán).

Por outra banda algúns dicionarios galegos danlle á verba louro o significado de “penedo-rocha grande” .
Deste xeito, o río Louro é o río pedra (ou que nace entre as pedras) e a parroquia de Louredo é unha zona donde abondan grandes penedos, moitos dos cales forman abrigueiros e covas naturais que xa veremos máis adiante.

Foto: Barrio do Pombal na Parroquia de Louredo (As Mós).

Para os nosos antergos, o Val da Louriña foi o val da pedra, e hoxe en día segue a ser coñecido no mundo enteiro pola extracción do afamado granito rosa.

Pero a verba louro está presente noutros puntos de Galiza: ¿Coñecedes o Monte Louro, na ría de Muros?.
Outro exemplo sinalado por Fernando Cabeza Quiles é a localidade francesa de Lourdes, famosa pola virxe que apareceu no interior dunha cova rochosa.

Polo tanto cando dicimos Terra das Mós estamos a dicir case o mesmo que cando dicimos Val da Louriña: A Terra ou o Val da pedra.

Para rematar, e por si alguén ten dúbidas, deixo aquí unhas fotos do tipo de pedras que máis me gusta traballar.

Foto da miña coleción "Pelouros": OLLANDO
Foto da miña coleción "Pelouros": OLLO

Eu a estas pedras chameilles sempre “PE-LOUROS”.
... e quero aproveitar esta ocasión para compartir uns versos "louridos" de dous poetas da Terra das Mós.


PELOURO QUE LEVA O RÍO

Eu fun rubindo encostas
fun andando camiños
cubertos de laxedos
tecidos de silveiras e de espiños

Eu andiven descalzo
cal un probe mendiño
por neves e xiadas
meus probes pés feridos
en noites de invernía
pasei medos e frios.

Eu fun de madrugada
por un mar de liños
unha mañán de maio
á andar cara os ariños
i o acedume do mar
levou os meus cariños

Eu son como un pelouro
que vai levando o río.


Mª Magdalena.Poeta da Louriña.
de seu libro "Alborada do Val da Louriña" (1986)



¡¡PEDRA!!

Pelouro, canica pulida,
lasca roma, lasca pedreira,
lasca granítica, lasca viaxeira.

Pelouros do río,
peregriños, camiñantes anfibios,
das correntes, das mareas.

Ánimas labradas,
anacos das loitas,
fragmentos das guerras,
dinteles, cornisas, balaustres,,,

¿quen sabe onde ves?

!!Pedra!!


Manuel Xío Blanco. Mós (1997, inédito).

No hay comentarios:

Publicar un comentario