12 de noviembre de 2014

XIDOS ARJINAS DE CHANDEBRITO.





No pasado mes de outubro cadrei a pasar polo Barrio da Igrexa de Chandebrito, aos pés do castro e polo roteiro etnográfico dos -moi ben conservados- muíños desta Parroquia de Nigrán. No adro da igrexa atopei esta lápida que, ademáis de lembranza, rende homenaxe ao oficio dos que alí repousan.
 




Os retratos dos homenaxeados fúndense cunha fotografía, primeiro plano das mans dun canteiro picando na pedra con maceta e punteiro. Adivíñase o oficio na man que agarra o punteiro polo xeito de suxeitar o ferroncho co dedo maimiño.

Pareceume que a familia tivera unha idea marabillosa, un gran acerto e un bo exemplo para honrar a un familiar querido. Ao cabo, quen somos? Somos o que facemos.

Aguilloado pola curiosodade quixen saber algo máis destes dous arjinas cañeiros, dos que cada día quedan menos. Preguntei a un par de veciños e non foi difícil dar coa casa familiar dos “Rial”, na que me recibiu amigablemente Josefa, neta e sobriña dos canteiros.  Velaquí o que me contaron:



Miguel Jesús Rial Iglesias, arjina xido de Chandebrito. Tería agora 113 anos (+/-).
Probablemente non foi o primeiro canteiro da familia, a xulgar pola casa familiar de excelente cantería tradicional, con máis de 200 anos de antigüidade. Naquela altura, ser canteiro en Chandebrito era o máis normal, tal e como conta a súa filla, Julia Rial Otero.
Pregunteille a Julia se lembraba que o seu pai usara o “verbo xido” ou  latín dos canteiros, ao que respondeu que non, que si o falaban era entre eles, alá polo tres de maio, que era cando se xuntaban todos na Fontiña para celebrar a festa dos canteiros. Naquel lugar, hoxe a monte, tiñan os canteiros un pendello para a fragua e outras tarefas. O traballo máis destacado deste canteiro son os panteóns do cemiterio local cos seus remates adobiados -El facía os debuxos nas pedras- comentan os seus familiares.








Miguel Jesús Rial Otero, arjina xido na Vasconia (1937-2013), continuou co oficio de seu pai pero ao longo de máis dunha década os seus picos escuriaron pedras por terras de Euskadi e Navarra, onde traballou na reconstrución de igrexas e castelos. A familia ensinoume varias fotos daquelas obras, sen poder precisar a localización exacta. Entre as retratas, varias imaxes de diferentes javillas de canteiros traballando e esta que podedes ver baixo estas liñas, na que aparece Miguel Jesús Rial Otero xunto a outro canteiro éuskaro, mostrando a imaxe de madeira atopada entre os cascallos dunha das capelas restauradas polo canteiro de Chandebrito.





En jaimorio de xidos arjinas de Chandebrito.




Vervo xido-galego:
Arjina: canteiro.
Xido: bo.
Ferroncho: punteiro.
Cañeiro: vello.
Vervo xido: fala gremial / latín dos canteiros.
Vasconia: Euskadi.
Escuriar: picar.
Retrata: foto.
Javilla: cuadrilla.


29 de agosto de 2014

CULTURÂNCORA. DA PRÉ-HISTÓRIA Á ROMANIZAÇÄO.





Recoméndovos unha visita urxente á Vila Praia de Âncora (Caminha-Portugal) para ver esta exposición, que a pesar de non ser moi ampla, resultoume sorprendente pola visión diferente que aporta sobre algúns achados da nosa Prehistoria.
E digo nosa, non so pola evidente unión cultural que sempre houbo entre as dúas marxes do Miño, senón porque aporta novos datos sobre achados puramente galegos como iremos vendo.
A exposición estará ata o 10 de setembro pero, ollo!, nas fins de semana (sábado e domingo) o Centro Cívico soamente abre dende ás 21:00h ás 23:00h,… curioso horario turístico!.

Foto: Praia de Moledo co cumio de Sta. Tegra ao fondo.

Para entrar en situación, recoméndovos un paseo previo pola praia de Moledo, xa que as primeiras ferramentas líticas que podemos ver na exposición foron recollidas ao longo de todo o litoral do municipio de Caminha, pero fabricadas nesta praia no Paleolítico.

Foto: O Alto do Bertorinho. Outro asentamento castrexo detrás da praia de Moledo.

A praia de Moledo está chea de pelouros de seixo, indispensables para realizar as ferramentas da Idade de Pedra, pero tamén nos ofrece unha visión do escenario prehistórico polo que andaron, durante milleiros de anos, as sociedades que habitaron a desembocadura do Miño ata a chegada dos pobos do Mediterráneo.


OS PICOS ANCÔRENSES.

O primeiro que atopamos é unha ampla mostra da industria achalense, recollida como dixen antes en varios puntos do territorio municipal de Caminha. A grande cantidade dos chamados picos “asturienses” é tan significativa e as súas características tan singulares desta zona que mereceron unha nova denominación: o pico “ancôrense”.

Foto: Panel expositivo dos picos âncorenses. Na parte superior unha foto amósanos o habitual corte estratigráfico causado polas mareas na praia de Moledo.

Os pelouros de seixo son depositados na praia polas mareas despois de chegar ao mar arrastrados polo río Miño. Resulta curioso que río arriba teñan aparecido grandes concentracións de bifaces, coma no xacemento de Porto Maior (As Neves), e aquí  sexa este tipo de pico o máis abondoso. Isto indica unha especialización neste tipo de ferramenta, para unha utilidade específica, que posiblemente teña relación co aproveitamento dos recursos mariños.


Foto: Pico âncorense e biface de Porto Maior .


O BARCO DE SANTA MARÍA DE OIA (Unha interpretación inédita en Galiza).

Continuando, a exposición sitúanos no Neolítico e na Idade do Bronce, mediante reprodución de varios gravados rupestres,... e foi aquí onde atopei o máis sorprendente.

Foto: Panel interpretativo sobre unha foto do calco do gravado de Pedornes (Sta. María de Oia).

Hai unha vitrina dedicada ás relacións marítimas cos pobos do Mediterráneo que ten como eixe central o coñecidísimo gravado de Auga dos Cebros, (Pedornes-Santa María de Oia) que representa un barco. As conclusións apuntan a unha serie de inscricións latinas neste gravado que o relacionan coa lenda de Ulises. Non sei cal é o método utilizado polos investigadores para atopar estas inscricións e chegar a estes razoamentos, que non deixan de ser realmente sorprendentes e descoñecidos nesta banda do Miño. Dende logo eu non podo poñelas en dúbida.


Foto: Deseño coas inscrición greco-latinas.

Estaría ben que algún dos especialistas galegos que xa teñen estudado este gravado, dera a súa visión ou cando menos se fixera pública esta posibilidade. Unha das cartelas referida a estas inscricións e a súa interpretación apunta que estes gravados requiren dunha “análise criteriosa”.


Foto: Mosaico romano que mostra o episodio de Ulises atado ao mastro da nave para resistir o canto das sereas.

Outro elemento que puidera ter relación coa presenza de barcos do Mediterráneo é este pelouro atopado na desembocadura do Miño e que puidera ser o esporón dunha destas naves (aínda que este dato é aportado con reservas).

Foto: Posible rostrum (esporón) dunha embarcación.



ESTELAS DE FINAIS DO BRONCE .


A interpretación das estelas de xefes guerreiros deste período tamén son certamente curiosas. Anque a simple vista non se aprecian, os motivos gravados nestas lousas graníticas son realmente impresionantes e dende logo a técnica utilizada polos investigadores para obtelas debe de ser moi novidosa. Descoñezo se este método é coñecido en Galiza pero se fora aplicado a outros exemplares galegos ou nos esteos dalgunhas mámoas poderíamos levarnos moitas sorpresas.


Foto: Estelas de xefes guerreiros da Idade do Bronce.

Foto: Interpretación dos deseños gravados na estela nº 1.



E para rematar… A CULTURA DOS CASTROS GALAICOS… e a chegada de Roma.

A cultura dos pobos da antiga Gallaecia tamén está presente con diversos elementos característicos (muíños, machados de bronce, cerámica, etc, …) pertencentes na súa maioría ao Castro de Afife, ademais de outros castros de municipios limítrofes. O máis destacable é unha réplica en cartón-pedra dunha – para min mal chamada- "sauna" castrexa. A continuidade desta cultura trala chegada dos romanos tamén queda plasmada nesta exposición a través de varios elementos introducidos polo Imperio.


Foto: Réplica dunha "sauna" ritual galaica.


PARA COMPLETAR A XORNADA RECOMENDO...

Visitar o dolmen da Barrosa, moi próximo ao Centro Cultural de Vila Praia de Âncora, e tamén o castro de Afife.


Foto: Dolmen da Barrosa.


E xa de volta podedes vir por Paredes de Coura e subir ata a Cividade de Cossourado, dende onde hai unha panorámica moi boa da Terra das Moas (Val da Louriña).



Foto: Casas reconstruídas da cividade de Cossourado.

 
Foto: Casa con banco corrido interior.

Foto: Dende o alto da Cividade de Cossourado poderemos ver ao fondo o Val da Louriña, Terra das Mós.


Agradecementos a Joao Carvalho por tódalas indicacións aportadas.