19 de febrero de 2013

CAMIÑANDO ENTRE MOUROS




(Dende a Terra das Mós ate a Franqueira).


O ano pasado vinme comprometido a realizar unha peregrinación a un dos santuarios máis coñecidos, a “Virxe da Franqueira”.

Non son para nada relixioso pero ás veces temos a necesidade de agarrarnos a calquera cousa – por inexplicable que sexa - ante unha situación desesperada. Unha vez superados os problemas fun retrasando a viaxe ata a última semana do ano e cumprín a miña promesa o 28 de decembro.
E fíxeno con moito gusto porque teño moitísima devoción polos “mouros”, ou o que é o mesmo, polas pedras,… e o percorrido estaba cheo delas.

A peregrinación á Franqueira ten moito arraigo en toda a Terra das Mós (Val da Louriña) e todo o sur da provincia de Pontevedra, sendo moitos os veciños e amigos que acostuman facer este camiño tódolos anos, atravesando a serra do Galleiro polos pasos do Alto do Marco e o Alto dos Focos.

Ao outro lado está a aldea de Cillarga (Parroquia de Ribadetea-Ponteareas) que antigamente mantiña moitas relacións co Barrio das Regadas (parroquia das Mós) e a parroquia de Louredo, chegando a formarse numerosos lazos familiares. Esta aldea ben merece unha nova entrada que deixarei para outra ocasión.

Actualmente, para facer esta peregrinación, os mosenses atravesan a serra do Galleiro e dende Cillarga, sempre pola parroquia de Ribadetea, chegan a Ponteareas. Despois, seguindo a N-120 continúan pola parroquia de Arcos, Vilasobroso, A Lamosa e dende alí chegan á Franqueira. Antigamente o camiño non pasaba pola vila de Ponteareas, se non que cruzaba o curso do río Tea máis arriba, alcanzando Vilasobroso despois de pasar por Mondariz.
Eu decidín facer a ruta actual cunha variación para evitar a estrada e o rodeo por Vilasobroso, xa que prefiro andar polo monte e ademáis quería visitar dous topónimos que atopei xuntiños no mapa, Mouricados e Campo dos Mouros.

Bueno e ala fun (saín ás 7 da mañan) na compaña de “Moa”, a cadela que vive na miña casa e vedes en moitas das fotos que publico aquí. O inicio do percorrido segue o PR-G 67(Sendeiro histórico da Parroquia de Mós) que haberá que facer en sentido contrario ás agullas do reloxio se partimos do Pazo de Mós.

Pasaremos por un lugar cuxo topónimo quero resaltar porque ven ao conto co significado mouro-pedra. Trátase de “Merouzos” (*morouzo: montón de pedras ou sitio de maleza e silvas ou aglomeración de pedras miúdas en parte dun terreo de cultivo) que obviamente neste caso fai referencia ao que vedes na foto.

Non vou decribir esta parte do percorrido porque abonda con mencionar o nomes dos lugares polos que pasamos, así temos Merouzos, A Penacova (onde se celebra a Festa da Prehistoria), Coto dos Castros, Pedrafita e Chan (ou Alto) do Marco.

De aquí baixamos a Cillarga polo Alto da cruz, pasando a carón da Casa da Moura, os Penedos Aguzados, a mámoa do Cabalo Oscuro (onde hai un xacemento Calcolítico), e o Alto do Castelo. Cando pasamos por aquí aínda non abrira o día pero como dixen anteriormente hai moito que contar e deixareino para outra ocasión.
Foto: Penedos aguzados, Penedo do Cabalo Oscuro.

Foto: O Alto do Castelo coas luces da aldea de Cillarga ao fondo.


Bordeando o Alto do Castelo entre os entullos da canteira abandonada, baixamos pola ladeira leste do Monte das Cobas (non sei o porque do “b”, tería que ser Covas) guiándome polas luces de Ponteareas. Chegando á parte baixa cambiaron as pistas de terra por camiños asfaltados e a casualidade (ou non) fíxome pasar pola Caseta dos Mouros.

Foto: caseta dos Mouros.
Andaban aí! Monte a través pasei entre a capela da Sta. Cruz e o lugar de “Mouriños”para chegar á estrada (PO-2703) que une Ribadetea con Ponteareas.
Na Vila fixen parada para coller forzas e despois continuei pola parroquia de  Arcos (N-120) onde un “devoto das pedras” ten parada obrigatoria no Penedo dos Namorados, que se atopa nun pequeno outeiriño habitado dende o Neolítico e a Idade do Bronce cando menos. Un panel informativo aporta datos deste xacemento e, ao pé do penedo, outro soporte cóntanos a lenda de Aldina e Tristán.

Foto: Penedo dos Namorados.
Quen sabe si estas pedras recibiron cultos asociados á fertilidade dende a lonxana prehistoria.
Foto: Penedo dos Namorados dende o camiño que bordea o outeiro.


Foto: parte de atrás do Penedo dos Namorados.
Tras esta parada continuei pola estrada ata “A Porteliña” e dende alí subín polo barrio de A Bouza da Igrexa. Deixando atrás este barrio continuei subindo por unha pista de monte que atravesa a estrada (PO- 9001) que comunica Vilasobroso coas Neves.
Foto: Panorámica con Vilasobroso á dereita e a serra do Galleiro ao fondo.


Nestas alturas tiven unhas magníficas vistas das terras do Condado e comencei a ver restos do traballo dos vellos arghinas (canteiros) que andiveron nestes montes arrincando pedra e,... quen sabe que máis, xa que estábamos moi preto do Campo do Mouro.

Un piricoto domina esta chaira (na foto aérea pódense apreciar varias mámoas, vista aérea.) que é un xacemento grandísimo, catalogado como campo do Mouro 1 e 2 (cod. GA36030067), e que precisaría dun estudio arqueolóxico máis profundo antes de que sexa demasiado tarde.

Foto: Piricoto ao fondo e mámoa en primeiro termo. A cadela está enriba do cono de violación.
Foto: mámoa grande
 Na primeira mámoa cortaronse acertadamente os castiñeiros para preservala pero na segunda que vin a cousa é moi diferente como se pode observar nas fotos.

Foto: Mámoa grande con sacos cheos de pedras.  
  
 ¿Qué fan eses sacos de pedra enriba da mámoa? ¿recolleron as pedras que algún día foron da couraza ou trouxéronos para tratar de ocultala?¿E a destemida moda de levantar estas acumulacións de pedras?.
Buscando na rede souben que hai un proxecto (6.000 €) de recuperación deste sitio, ¿chegará a tempo ou xa foi executado?. Unha morea de dúbidas,... 

Foto: Coviñas ou cazoletas nas laxes da mámoa grande.
Foto: Sen comentarios...
Unha mágoa vendo o espectacular que resulta este impresionante Campo de Mouros.



Seguín coa intención de chegar á aldea de Mouriscados pero nunha bifurcación collín á dereita e, ao cabo, resultou ser o camiño equivocado. Este erro levoume a este lugar que nomearei como “O merendeiro dos petróglifos estragados” (esta é a súa situación).



Foto: Lamentablemente comprobei como os asadores foran feitos sobre pedras con restos de gravados.
Foto: Outras pedras gravadas son utilizadas como escondedoiros das parrillas.

Foto: Estas cousas pasan cando as parrilladas se valoran máis ca o patrimonio arqueolóxico.

O merendeiro dos petróglifos estragados debeu de ser un bo exemplo máis de lugar de culto ás pedras da nosa Prehistoria antes de converterse, por desgraza, no que hoxe é.

Des-Nortado dirixín os nosos pasos monte abaixo e chegamos a Uma, parroquia de Salvaterra de Miño,… mi madriña!,… onde foramos a parar!,... Tivemos que volver a subir varios kilometros para chegar ata a Franqueira,… derreados. Por sorte a cadela non fala, senon tería moito que reprocharme.

Foto: Chegada ao santuario da Franqueira.
Da virxe da Franqueira xa está todo dito e hai información dabondo sobre o seu culto, soamente quero sinalar que, coma noutros moitos casos, esta virxe apareceu oculta entre uns penedos e polo tanto non deixa de ser unha moura máis desta nosa terra.

UNHA PEQUENA REFLEXIÓN.

Os topónimos mouro, mourelos, mouricados, casa da moura, etc,… fan referencia a penedos ou lugares pedrosos asociados a maioría das veces a monumentos megalíticos ou xacementos prehistóricos (petróglifos, castros, castelos, etc,…) e por outra banda, os mouros son os principais protagonistas das nosas lendas que adoitan vivir nestes mesmos penedos ou xacementos arqueolóxicos.


Os que estudian a orixe etimolóxica das palabras sinalan unha base preindoeuropea, *mor, co significado de pedra ou monte rochoso, presente en verbas como morea ou morro e tamén en nomes de lugar como Morrazo, Boi Morto ou A Muller Morta. En tódolos casos fan referencia á pedra.
Penso que os míticos mouros das nosas lendas non son soamente os antigos poboadores da nosa terra senón que ademáis eran os homes -ou o pobo- que adoraba ás pedras.

Unha aperta a tódolos compañeiros de culto, "mouros da actualidade", coa dificil tarefa de protexer un grandísimo tesouro,… O noso patrimonio arqueolóxico.

16 de noviembre de 2012

A CIVIDADE DE LOUREDO


                O castro da Cividade, no lugar de Eira Grande da parroquia de Louredo, é un dos poboados castrexos máis grandes do concello de (As) Mós. Aínda que non é deses enormes oppida coma Sta. Tegra ou San Cibrán das Las, debeu de ser un poboado importante no Val da Louriña para acadar o nomeamento de cividade ou cidade co que chegou aos nosos días. Algúns especialistas asocian este topónimo con asentamentos de forte ocupación romana ou que acadaron o seu pleno crecemento trala chegada dos romanos.
                Este xacemento está sen excavar e hai moi poucos datos publicados sobre el, basicamente referidos ao achado de moitos restos cerámicos en superficie e ao impoñente foxo (sobre todo no Sur do recinto) construído para protexer a zona máis difícil de defender. Os habitantes do castro tiveron que facer unha auténtica obra de enxeñaría, xa que nesa parte do esporón no que se emplaza a cidade o terreo está máis baixo que os terreos de extramuros.
                O ano pasado, por estas datas, fixeron unha tala de eucaliptos no foxo e na muralla Leste da Cividade que deixou ao descuberto varias cousas… 
Foto: Corte do camiño.
                Algunhas persoas sabemos que este tipo de actuacións teñen que comunicarse ás autoridades encargadas de velar polo noso Patrimonio Arqueolóxico. O malo é que outros non o saben e eu descoñezo a que grupo de persoas pertencen os propietarios das coutadas ou os madeireiros que fixeron o traballo. O certo é que, para poder acceder co tractor meteron unha pala por un carreiro que había bordeando a muralla Leste, abrindo un corte de 50-100 cm.

Foto: Corte do camiño.
                Cando estiven alí para tirar estas fotos atopei a unha veciña do Barrio de Eira Grande e pregunteille se era ela a propietaria da coutada.
- Ai, non meu fillo, eu vou pa’ casa e como limparon este camiño, veño por aquí para atallar.
- Pois parece que o fixeron novo - Apunteille eu referíndome á “limpeza do camiño”.
- Non oh…!, este camiño hóuboo de sempre. Era o camiño que che había antes para ir a Eira Grande, antes de que fixeran o camiño novo.
                Este dato pareceume ben curioso- aínda que non creo que fose un camiño de carro- e axuda a comprender mellor o entorno deste xacemento na súa época, xa que os novos camiños asfaltados ocultaron ós antigos. O traballo de ensanchamento da pá deixou ao descuberto unha chea de anacos de cerámica que non deberon de chamar á atención dos madeireiros nin da veciña de Eira Grande pero que aparecían coas súas cores ocres, vermellas ou negras na terra revolta. 
                O primeiro anaco atopeino de casualidade… despois, fixándome ben, foron aparecendo máis e máis anacos de bordes, fondos e asas de diferentes cacharros galaico-romanos. Tamén aparecían no corte do camiño e, máis tarde, no mesmo terraplén da muralla. 

                Alí onde o chan estaba remexido polas rodas do tractor ou pola caída e arrastre dun eucalipto, aparecían anacos de cerámica, confirmando os datos que xa coñecíamos.
 
Foto: A caída e arrastre dunha arbore pola muralla.



Foto: Cerámica da CIVIDADE.

                 Por outra banda, a tala de árbores supuxo unha limpeza que facilita a vista e a comprensión das estruturas defensivas do castro. Nestes momentos pódense apreciar mellor que nunca as altas murallas e o enorme foxo (40 m de ancho X 10 m de fondo aprox.) excavado na ladeira do esporón. 
Foto: Muralla e camiño a Eira Grande.
Foto: Panorámica de esquina onde se xuntan a muralla Leste e o foxo Sur.
  
Foto: Dende o alto da muralla.

Foto: Foxo Sur.

Foto: Foxo Oeste.

Foto: Entrada Oeste.

                 A entrada principal (Oeste) e o entramado das orixinais vías de acceso ao poboado son obras  complicadas que nos amosan o grande inxenio dos antigos poboadores da Cividade de Louredo.

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DE LOUREDO.


                De seguro este lugar estivo habitado dende a Prehistoria xa que é un auténtico balcón sobre o Lagual, topónimo que fai referencia a unha lagoa que formaba o río Louro, desaparecida e desecada pola construción das vías de ferrocarril. Para segui-lo curso do río era necesario pasar por este punto no que a natureza deseñou un paso profundo e estreito cunha lagoa que actuaba como tapón.  Non é dificil imaxinar aos primeiros cazadores no alto deste emplazamento esperando a que as greas de gando salvaxe entraran neste funil para atacalas por sorpresa.
                Da outra banda do río están os petróglifos de San Antoíño, Alfacuca e Salgueirón, que xunto á necrópole romana de San Salvador de Louredo (estela de Fronto Loveyo Sículo) interactuaron nalgún tempo coa Cividade.
                Na Idade Media estableceuse o Señorío dos Lanzós, xérmolo da antiga Xurisdición de San Antoíño, que chegou a ser (aínda que durante pouco tempo) a capital do Concello.
Actualmente a asociación cultural desta parroquia chámase “A Cividade de Louredo”.

Deixo este mapa coa situación dos xacementos do entorno da Cividade, que axudarán a comprender a evolución histórica da Parroquia de Louredo e recomendo pois, a tódolos amantes da cultura galaico-romana, unha pronta visita á “Cividade de Louredo” antes de que volva ocultarse tra-la mesta cortina dos eucaliptos.
                            

vista aérea
vista aérea 2

6 de septiembre de 2012

XORNADA DE PEDRA NO INCIO. DESCUBRINDO O MÁRMORE GALEGO.

XORNADA DE PEDRA NO INCIO. DESCUBRINDO O MÁRMORE GALEGO.

                A fin de semana pasada celebrouse a IV Feira de Artesanía e Etnografía do Incio e fun convidado polo Concello a participar, xa que este ano estivo adicada á pedra. Ao cabo, resultou ser unha pequena xuntanza de canteiros na que tiven o gusto de coñecer a Jose Luis de Becerreá e ao canteiro local, Álvaro Pereiro Rodríguez.
                Tamén estiveron outros xamarúas arjinas (compañeiros canteiros) doutras ocasións como David Soengas, Ramón Villar e Laura Duve, compartindo esta bonita xornada adicada ao noso oficio. Fixemos unha demostración de cantería labrando unha pedra durante todo o día para que o público poidera seguir a evolución do noso traballo e tamén unha pequena mostra dalgunhas das nosas obras.
Foto: Javilla de arjinas (cuadrilla de canteiros). Con (de esquerda a dereita) Ramón Villar (Pardiñas-Guitiriz), Laura Duve (O Barco de Valdeorras), Álvaro Pereiro (O Incio) e Jose Luis (Becerreá).
                A feira tivo un pregoeiro de luxo. Calros Solla adicounos unha sentida gabanza, repasando historias dos vellos canteiros galegos e do seu Cerdedo natal, anécdotas de buxas (mestres canteiros) e morróns (aprendices), referencias ao verbo xido (a fala dos canteiros), cantigas de traballo e outras xideces (cousas bonitas) que fan fatularse (enorgullecerse) do noso oficio.
Foto: O pregoeiro, Calros Solla. A jalruada jinou a mazaricos de arría de todeitos nobis. Cernias de granxo.

FALANDO COAS PEDRAS - O MÁRMORE DO INCIO.


                Aproveitei esta viaxe ás terras do Incio para falar coas pedras e descubrir o mármore galego xa que descoñecía a existencia desta variedade de pedra na Galiza. E na súa procura visitei a Igrexa románica de Hospital do Incio, adicada a San Pedro Félix. 


 Fotos: Detalles das xambas, basas e capiteis da porta principal da igrexa.

                Este mármore foi utilizado en moitas edificacións de época romana na cidade de Lugo pero tal vez a obra máis coñecida sexa o Crismón de Quiroga
                No lugar de Pacios atopei a Javier, dono dos terreos nos que estivo a última canteira de mármore, abandonada varias décadas atrás debido á pouca rendabilidade. Aínda que a vexetación foi tapando toda a canteira aínda se poden ver algúns pendellos e outras construcións dos tempos da explotación que amablemente me amosou Javier, deixándome levar algúns cachotes deste mármore, un dos cales utilicei para labrar durante a feira.
Foto: Javier, veciño de Pacios e dono dos terreos da antiga canteira de mármore.
 
Foto: Peza que tallei na feira sobre un dos anacos de marmore da antiga canteira do lugar de Pacios.
                Non estou seguro pero creo que hoxe en día séguese a extraer mármore na localidade de Lóuzara (Samos).

 

O MUSEO DA PEDRA (BUXÁN).

                Por último, descubrín (e recomendo unha visita) a Casa-Museo da Pedra que rexenta o canteiro Álvaro Pereiro Rodríguez. A paixón deste escultor pola heráldica lévao a incorporar novos deseños nos seus escudos de armas e un bó exemplo é o que preside a entrada ao museo, no que incluiu a ferramenta dos canteiros especializados na lousa (de tradición familiar), que realmente é a pedra máis abundante de toda esta comarca. 
Foto: No escudo de arriba (no cuarto superior dereito) pódense apreciar as ferramentas propias dos canteiros da lousa.

                Unha das pezas máis curiosas do museo é este muíño barquiforme que destaca polo seu tamaño (nunca vira un tan grande) e pola inscrición (petróglifo) que se pode apreciar nun lateral e que Álvaro interpreta coma un cervo.
Foto: Muíño barquiforme con gravado lateral.

Foto: Muíño xiratorio.

Foto: Outra das pezas destacadas, procedente dun castro da zona, é esta pía circular con buraco de desaugue (probablemente unha sorte de morteiro ou prensa).


Foto: Álvaro posa diante dun retablo de mármore do Incio adicado a Sarria.

O museo complétase coa súa coleción de esculturas, heráldica e outras pezas arqueolóxicas que non puiden ver debido á nocturnidade da miña visita.
Se ides ás terras do Incio non deixedes de pasar por este museo e coñecer a Álvaro Pereiro. Estou seguro de que, se pode, será o mellor guía para visitar os castros da comarca e contarvos as lendas a eles asociadas.
Non podo máis que mostrar a miña admiración pola labor deste xamarúa, unha mostra de que, polo noso patrimonio, fai máis quen quere ca quen pode.