1 de agosto de 2019

Os primeiros canteiros na Prehistoria

Probalemente o oficio de canteiro foi un dos primeiros da humanidade. En Galicia temos abundantes mostras do traballo daqueles primeiros humanos que empezaron a golpear cantos rodados de cuarcita  ata conseguir facer diversos tipos de ferramnetas. A talla da pedra debeu de converterse entón nunha especialidade imprescindible para a subsistencia. Eles foron os primeiros canteiros.

Nos últimos anos, nas ribeiras do Miño teñen aparecido grandes depósitos de bifaces de tecnoloxía achelense (250.000 anos) que mostran como eran aqueles aparellos. Estas grandes acumulacións de enormes bifaces demostran a existencia dunha gran industria.

Tedes máis info nestes enlaces:

Xacemento de Portomaior: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/3725121.pdf

Facebook do equipo de investigación: https://www.facebook.com/paleoliticodobaixominho


Como en anos anteriores farei unha demostración e un obradoiro como actividade da XVIII Festa da Prehistoria de Mós. Será o xoves, 8 de agosto, ás 19:00h.






https://youtu.be/2U_1ftcd2mc
Réplicas realizadas no obradoiro.




Este outro video mostra aos participantes no obradoiro:





Se queredes ver a demostración so tedes que aparecer por alí.
Se ademáis queredes participar no obradoiro, lembrade que é preciso inscribirse con anterioridade e vir provistos de luvas e gafas de protección antiimpactos.
O obradoiro ten un prezo de 10€ e para inscribirse deberedes enviar unha mesaxe ao facebook da Festa da Prehistoria ou ao e-mail festadaprehistoria@gmail.com  

15 de junio de 2018

Unha cabeza de pedra oculta entre eucaliptos

Unha cabeza de pedra (outra máis) agardaba oculta nos montes de Mós. Nestes últimos meses a tala de eucaliptos deixouna ao descuberto para que poidamos apreciala xunto a outras formacións graníticas das que falaremos nos próximos meses.


A cabeza de pedra que estaba oculta polos eucaliptos.

Foto; Esta cabeza de pedra atópase antes da antiga canteira, Na imaxe podemos ver abaixo, xunto ao cruce da pista forestal, a Lapiñeira da Fraga (ou penedo da Pucha), a caverna granítica que serve de escenario tódolos anos á Festa da Prehistoria.


Sempre haberá quen non aprecie estes monumentos naturais tan abondosos na marxe esquerda do val do Louro (A Terra das Mós), decindo que son "simples pedras", "que non dan nada", que "estorban no monte"...



Poñer en valor estes monumentos de pedra é parte da xestión dos nosos montes xa que son un recurso esencial para completar a oferta turística do noso pobo e símbolos da nosa verdadeira identidade.

Atentos pois ás próximas voces das pedras.

13 de noviembre de 2017

Xornada de Voluntariado no entorno da Pedra das Cruces

O sábado, 11 de novembro, subimos ata a Chan de Pou, por enriba do barrio do Pantaño (Louredo-Mós) para facer un traballo necesario no entorno da Pedra das Cruces.
A cuadrilla, composta por Manolo Figueroa (da CMM de Louredo), Carlos Graña (fillo adoptivo de Petelos), Nico Morales (da Parroquia de Dornelas), Nuria Rodríguez (dende o Morrazo) e un servidor (na compaña de "Morrón", o can petroglifeiro) acometeu a laboura de levantar un muro que ha de protexer os gravados das escorrentías torrenciais que adoitan baixar do Galleiro cando chove.

Pola tarde Diego Copena (de ADENCO) achegabase dende o outro lado da serra (Ribadetea-Ponteareas) para darlle o relevo a Carlos e Manolo e así rematar a laboriosa tarefa.



Ao mesmo tempo outro grupo de voluntarios facía varias labores (limpeza, fotografía, etc,...) baixo a dirección da arqueóloga encargada da posta en valor da Pedra das Cruces.
Todo isto ante a cercanía dunha data especial, o Día Mundial do Patrimonio (16 de novembro), que este ano contará con numerosas actividades organizadas polas asociacións integrantes da REDE DO PATRIMONIO CULTURAL en toda a xeografía galega.


Foto de Nico Morales: A cuadrilla "muriando" duramente.

Foto de Nico Morales: Facendo o muro enriba da Pedra das Cruces.


Foto de Nico Morales: O "encarjado" non perde detalle.

Foto de Nico Morales: Amoreando pedras.

A Asociación Cultural VIAXAMOS NO TEMPO (antes Festa da Prehistoria), coa colaboración da CMM de Louredo, organizará o día 18 una visita a esta Pedra das Cruces na que os participantes poderán seguir a evolución dos traballos e as explicacións que sobre este gravado nos vai dar a directora desta intervención, Herminia Rodríguez.

Foto de Nico Morales: Nuria apañando pedras.


Foto de Nico Morales: O muro xa case rematado.

Pero veremos algo máis! unha nova sorpresa! As pedras siguen a falar na Terra das Mós.
Non vos perdades as publicacións desta semana nas que iremos adiantando algo e anotade o sábado (18) nas vosas axendas.



6 de noviembre de 2017

A Pedra das Cruces de Louredo-Mós despois dos incendios





Despois de moitos anos de agresión-denuncia-reclamación, a PEDRA DAS CRUCES vai ter "por fin" un pequeño estudo e una revalorización para que os vecinos poidan comprender este gravado.

Pero imos ir por partes para situarnos:

Xa en 2008 denunciamos o paso continuo de motos por riba da laxe. A partir desa denuncia púxose un balizamento de madeira para evitar que os "motarras" seguiran pasando por alí.  

En 2014 tras un roteiro organizado pola A.C. Festa da Prehistoria atopamos unha agresión totalmente "malintencionada". Cando chegamos alí advertimos que había tres cruces máis recén gravadas. Aínda saía o po da pedra ao soplar sobre elas, e todo xusto no día no que íamos levar ata alí a unas 60 persoas que participaron na andaina.

Foto: Marina Alcalde e Salva Sío, da A.C. Festa da Prehistoria, examinando as cruces grabadas en xuño de 2014.


Daquela fixemos o pertinente comunicado (foron varios) ante a Dirección Xeral de Patrimonio e despois de moitos intentos e reclamacións (da A.C.Festa da Prehistoria e a CMM de Louredo) conseguimos que por fin neste 2017 houbera un compromiso para poñer en valor o gravado.

Pero a última agresión aínda estaba por vir. Foi o incendio que estes días tamén afectou á serra do Galleiro. Deixo aquí unas fotos do entorno do petróglifo antes e despois do incendio.

Foto: Despois do incendio.
Foto: 15 días antes do incendio co equipo de arqueólogas que van facer os traballos de posta en valor.

Afortunadamente o lume non afectou demasiado á pedra e o calor non fixo "descunchar" a capa superfial (polo menos a simple vista). A posta en valor comprometida estivo a piques de fracasar debido aos incendios deste "outubro negro"

Foto: Despois do incendio.

Foto: 15 días antes do incendio co equipo de arqueólogas que van facer os traballos de posta en valor.

Hoxe, 6 de novembro, comenzaron os traballos para retirar a madeira queimada baixo a supervisión do equipo de arqueólogas e xa iremos contando como vai quedando todo.  Estade atentos ás publicacións no facebook da Festa da Prehistoria porque, con motivo do Día Mundial do Patrimonio (16 de Novembro), organizaremos una nova visita para ver como quedou todo.

Foto: Despois do incendio.

Foto: 15 días antes do incendio co equipo de arqueólogas que van facer os traballos de posta en valor.

No seguinte enlace podedes ver una entrada anterior onde se aprecian mellor os gravados desta laxe.

23 de noviembre de 2015

SAN MARTIÑO. O DESTRUCTOR DAS MÁMOAS (II).


Na entrada anterior vimos como a imaxe de San Martiño, o santo destructor de mámoas, cumpría penitencia presidindo a entrada dun museo no que se conservan as pedras de culto dos nosos antergos (mámoas, petróglifos e outras pedras dos “mouros”).

Desta volta veremos como os veciños da Parroquia de San Martiño de Tameiga (Mós), contrariando os postulados do seu patrón, fixeron todo o posible para conservar dúas das chamadas Mámoas do Rebullón.

Unha grande Necrópole Megalítica.

As Mámoas do Rebullón, un total de seis catalogadas, pertencen a unha grande Necrópole Megalítica que Abad Gallego definiu como Peinador-Galiñeiro. Pero que podería xuntarse cos campos de mámoas de Monte Penide (Redondela) e O Vixiador (Candeán-Lavadores-Vigo) se non fóra pola construción do aeroporto, que cortou esta continuidade. A liña que forma esta grande necrópole estableceu os límites municipais entre Vigo e Mós.
A principios do s. XXI, as obras do Intercambiador Rebullón-Fronteira Portuguesa na AP-9 provocaron a intervención de urxencia sobre dúas destas mámoas (GA-36033027 e GA-36033028) antes de que o trazado da autovía as fixera desaparecer para sempre.

Territorio Cultural.

Non estaba previsto conservalas pero a Comunidade de Montes presionou á administración para que os chantóns destes dous dolmens quedaran en Mós e ofreceron a casa común da Parroquia, o centro social que eles chaman “Territorio Cultural As Pedriñas”, para reubicalos e conservalos.


Foto: Entrada ao Centro social "As Pedriñas" (Territorio Cultural).
Foto: Nada máis entrar no Territorio Cultural, á dereita, atoparemos os túmulos detrás dun panel que indica algunhas das súas características.
 
Foto: Unha das mámoas (a máis grande) reubicada no Territorio Cultural.

Foto: Detalle da outra mámoa, máis pequena e sen corredor.
Foto: Detalle do panel informativo.

As Pedriñas.

O topónimo do lugar, “As Pedriñas”, xa predice unha concentración de pedras inusual, ou cando menos a existencia dunhas pedras peculiares que serviron de referencia para nomear este outeiro. Fóra do recinto do Centro Cultural, na “adecuación” da área recreativa, están as outras catro mámoas catalogadas.

Ademais do Territorio Cultural e da área recreativa coas seis Mámoas do Rebullón, este outeiro ofrece unha das mellores vistas á ría de Vigo e Illas Cíes.

Malia ser unha das actuacións culturais máis salientables no ámbito municipal, o Concello de Mos, coma San Martiño, parece mirar para outro lado e non promociona a visita a este conxunto nin promove a conservación das outras catro mámoas para futuras xeracións.



Foto: Unha das mámoas detrás da pista deportiva na área recreativa.

E coma sempre vai haber quen diga que eu (…), transcribo aquí a opinión que Xosé Couñago deixou no seu blog xa hai varios anos:

               “Dende aquí instamos ao concello de Mos para que se responsabilice da súa conservación e adecuada posta en valor. Os colectivos privados, como é o caso deste centro cultural, poden saber máis ou menos como actuar para a súa conservación, mais son as administracións -comezando pola local, que é a principal implicada- as que deben aplicar todas as medidas que están ao seu alcance para velar pola súa correcta protección. Neste caso vese claramente que non é así. Este concello non é o único caso que padece: máis grave é o dos restos dos dolmens destruídos que hai dentro do Mercantil, en completo abandono e sen ningún tipo de medidas adopadas ata a actualidade.”

http://xosecounhago.com/?p=116


Aínda que moitas desapareceron baixo o urbanismo descontrolado, a Gran Necrópole Peinador-Galiñeiro ten alomenos 30 mámoas catalogadas. É un gran recurso turístico e cultural pero precisa uns coidados que non recibe.

O Sendeiro das Greas (GR-58) percorre esta necrópole dende que sae de Vigo en Zamáns entrando en Mós por Erville, pasando polo alto da cruz, o Campus Universitario, o Mercantil, parque forestal de Bembribe - As Pedriñas, Puxeiros e ata Peinador.

Lamentablemente faltan máis indicadores, máis información e a posta en valor deste patrimonio.


Foto: A chamada "Mamoa do Mercantil" dentro do recinto facendo de rotonda.
Dende o camiño, durante unha visita organizada pola A.C. Festa da Prehistoria.

Foto: Os chantóns da mámoa destruída dentro do Mercantil para facer as pistas deportivas.
Neste caso, facendo tarefas de contención do peche deste recinto privado.

Foto: Ao outro lado do camiño está o resto da mámoa cortada polo camiño que pasa por detrás do Mercantil.
Foto: Unha visita organizada pola A.C. Festa da Prehistoria enriba doutra destas mámoas chamadas "do Mercantil".

Seguiremos falando de culto ás pedras e tamén de pedras asoballadas...

...pero ser botarlle a culpa de todo a San Martiño. 





12 de noviembre de 2015

SAN MARTIÑO, O DESTRUCTOR DAS MÁMOAS (I)


Onte foi San Martiño e non comin castañas, cousa cáseque obrigada.
Onte fun a Pontevedra e pasei polo museo provincial, para min, visita cáseque obrigada.

Como adorador das pedras teño esa debilidade pero cando cheguei xa faltaba pouco para o peche, quedaban 20 minutos, e dubidei,…entro ou non entro?

Dende a rúa ollei para o edificio Sarmiento e na segunda pranta mirei un tímpano románico que estaba a chamar por min. Parecía estar a cumprir a función para a que fóra feito, presidir a entrada dun edificio.




Xa dentro, e dende os pasillos interiores, vin algunhas das pezas que están en proceso de restauración. Que o público poida ver dende arriba o interior destes talleres é un atractivo máis que ofrece o novo edificio.

Subín correndo ao segundo andar para ver a nova disposición da sala de arqueoloxía e sorprendeume porque mellorou moitísimo dende a última vez que estivera alí.
Quixen facer un repaso rápido ás pezas mosenses (1) pero antes de localizalas todas un garda de seguridade convidoume a marchar. Que mágoa non vir con máis tempo! Terei que voltar outro día!

Saín da sala por outra porta e topeime de frente co timpano románico que chamara por min dende a rúa. Dende dentro vese a cara interior da pedra que ten tallado un relevo ca imaxe dun bispo acompañado por uns anxos e outros personaxes menores máis difíciles de interpretar.

A miña sorpresa foi ver o que indicaba a cartela:

Apoteóse de San Martiño. Inicios do s.XIII, San Martiño de Moaña, Pontevedra.



Que casualidade, onte era o día de San Martiño! Lembrei entón que días atrás atopara unha referencia a este personaxe como "o santo destructor de dólmenes". Seguindo o exemplo do San Martín francés, o noso san Martiño, o Dumiense, tamén adicara grandes esforzos a loitar contra o culto ás pedras .

Non deixa de ser curioso que a imaxe do santo destructor de mámoas teña que estar hoxe nun edificio onde se restauran, conservan e valoran as mámoas, os petróglifos e outras pedras dos mouros(2).


Xa hai tempo, un mestre mouro díxome que as casualidades non existen e coma se fose un castigo, o San Martiño deste tímpano debe de sentirse coma no inferno, vendo que non acabou co culto ás pedras.


1- Pezas atopadas no actual concello de Mós (bustos de Xano e Vesta, materiais do castro de Torroso, epígrafes romanos de Louredo e Pereiras).
2- mouro/aadorador das pedras, ser mítico da nosa mitoloxía que ten a orixe nos pobos que viviron en Galiza na prehistoria. 

15 de octubre de 2015

AS PEDRAS FALAN DO SILENCIO CÓMPLICE e a Memoria do 36


Inscrición no monumento da Memoria do 36 en Mos.

Esta homenaxe en pedra foi impulsada pola Comisión pola Memoria e Dignidade do 36 en Mos

“En lembranza ós
Homes e Mulleres
asasinados pola senrazón
do fascismo franquista
 no Concello de Mos”.

Os Familiares das vítimas homenaxeadas -integrantes da comisión- decidiron este texto que quedou gravado na pedrafita central e serve para definir o conxunto escultórico. Este tería que ser o texto que acompañase a calquera reportaxe ou documento, tanto escrito coma gráfico, que se faga.

O monumento inaugurouse en setembro de 2008 co goberno bipartito (PSOE-BNG) e uns meses máis tarde o PP asaltou o concello. E digo asaltar por acurtar o relato,... As crónicas falan de transfuguismo, da presenza de porteiros de discoteca no pleno municipal e outras desventuras desta... democracia???.

Pasado un tempo, os novos dirixentes municipais do PP amosaron o que teñen na “súa” memoria e o que eles entenden por reparar a dignidade das vítimas e familiares, dándonlles un “agasallo” dentro deste libriño que publicou a Deputación de Pontevedra (a de Louzán) en 2013.

Foto: Portada do libro “Mos, o mellor agasallo”.
No interior hai unhas fotos do monumento, acompañadas dun texto que non só non repara, senón que, fire a dignidade de vítimas e familiares. Un texto que parece que tenta que os mosenses gardemos a nosa memoria do 36 doutro xeito, ao seu xeito:

 “Monumento ós Caídos do Franquismo”


Foto: en verdade teñen tan mala memoria? ou pretenden que teñamos outra?


¿¿¿Caídos??? Os libros de pedra deste monumento non poden estar calados porque representan a memoria daqueles homes e mulleres que non foron “caídos”!!!, foron asasinados!!!, arrincados das súas familias e despois de seren torturados, foron sentenciados sen seren xulgados.

Eu non sei se houbo unha man negra impoñendo este texto e como non podo asegurar con que intención fixeron isto terei que pensar que foi un erro. Pero aínda así,... non quedo tranquilo! Se foi un erro a cousa é máis grave do que parecía!!!
Deberían tomarse en serio a reposición da Memoria Histórica e facer un "reseteo" máis unha "actualización de datos" para diferenciar democracia de dictadura e paseados de caídos

Nesta semana celebrouse o día do Pilar, a chamada festa nacional. As redes sociais enchéronse de mensaxes coma esta: "NON TEMOS NADA QUE CELEBRAR".

Estou convencido de que todos celebraríamos mellor ese día se tivesemos unha democracia realmente libre para elexir entre Monarquía ou República e os crimes do franquismo fosen condenados sen paliativos. Por todos, todos, todos, todos, todos e todos,... sin que falten os de sempre!!!


TEMOS QUE ROMPER CO SILENCIO.

Co corazón endurecido como unha pedra, Antonio Monroy adicoulle unhas emotivas palabras ao compañeiro da Comisión falecido o ano pasado, Ramón Pérez Dominguez.

Monroy condenou o silencio cómplice e repetiu varias veces a seguinte frase:

“ Non tivemos sorte cos políticos, Ramón“, "non tivemos sorte..."

Aquí podedes ver parte da intervención de Antonio Monroy, o pasado 3 de outubro:




TEMOS QUE QUE RECUPERAR A MEMORIA.

A Comisión pola Memoria e Dignidade do 36 en Mos, encabezada por Ana María Aller Gómez xunto a membros tan destacados coma Telmo Comesaña e Antonio Monroy (da Comisión pola Memoria de Vigo) teñen moita documentación daqueles que apareceron tirados nas cunetas da N-550 e outros lugares de Mos.





Os libros de pedra deste monumento representan a vida de cada un dos 30 homes e mulleres asasinados. No centro, unha figuración humana da sociedade retira eses libros tirados nun buraco (as cunetas) para poder recuperar a Memoria do 36.



Esa sociedade somos todos e coñecer a nosa historia, recuperala,...tamén é  traballo de todos.





Fotos e momentos da homenaxe deste ano, 8 de outubro.






Foto: Ana Aller Gómez adicando unhas palabras a Tomás (no centro da fotografía, sentado e con bastón) fillo de Ángel Matilde Miguélez, "O Cataplín" e Florentina Fernandez Alonso, veciños de Louredo cruelmente asasinados.


Foto: En primeiro plano os membros da "Comisión pola Memoria e Dignidade do 36", Telmo Comesaña, Antonio Monroy e Ana Aller Gómez aplaudindo ao gaiteiro, Bieito Lobariñas, tras interpretar o himno da República no acto.

Foto: Momento da intervención de Emilio Muíños, actualmente concelleiro PSOE de Mos.
A súa nai, Florentina Pumar (recentemente falecida), encargouse durante anos de repoñer as flores que os familiares deixaban no muro do cemiterio municipal. Esta e outras vivencias dos mosenses teñen que ser recuperadas para a memoria colectiva.


Foto: Membros de GañaMos Asemblea Veciñal presentes no acto.
Algúns muros de pedra de Mos conteñen outras partes desta historia e os penedos do Galleiro, que acubillaron aos fuxidos, tamén son testemuñas daqueles tempos.


Seguiremos falando.