23 de noviembre de 2015

SAN MARTIÑO. O DESTRUCTOR DAS MÁMOAS (II).


Na entrada anterior vimos como a imaxe de San Martiño, o santo destructor de mámoas, cumpría penitencia presidindo a entrada dun museo no que se conservan as pedras de culto dos nosos antergos (mámoas, petróglifos e outras pedras dos “mouros”).

Desta volta veremos como os veciños da Parroquia de San Martiño de Tameiga (Mós), contrariando os postulados do seu patrón, fixeron todo o posible para conservar dúas das chamadas Mámoas do Rebullón.

Unha grande Necrópole Megalítica.

As Mámoas do Rebullón, un total de seis catalogadas, pertencen a unha grande Necrópole Megalítica que Abad Gallego definiu como Peinador-Galiñeiro. Pero que podería xuntarse cos campos de mámoas de Monte Penide (Redondela) e O Vixiador (Candeán-Lavadores-Vigo) se non fóra pola construción do aeroporto, que cortou esta continuidade. A liña que forma esta grande necrópole estableceu os límites municipais entre Vigo e Mós.
A principios do s. XXI, as obras do Intercambiador Rebullón-Fronteira Portuguesa na AP-9 provocaron a intervención de urxencia sobre dúas destas mámoas (GA-36033027 e GA-36033028) antes de que o trazado da autovía as fixera desaparecer para sempre.

Territorio Cultural.

Non estaba previsto conservalas pero a Comunidade de Montes presionou á administración para que os chantóns destes dous dolmens quedaran en Mós e ofreceron a casa común da Parroquia, o centro social que eles chaman “Territorio Cultural As Pedriñas”, para reubicalos e conservalos.


Foto: Entrada ao Centro social "As Pedriñas" (Territorio Cultural).
Foto: Nada máis entrar no Territorio Cultural, á dereita, atoparemos os túmulos detrás dun panel que indica algunhas das súas características.
 
Foto: Unha das mámoas (a máis grande) reubicada no Territorio Cultural.

Foto: Detalle da outra mámoa, máis pequena e sen corredor.
Foto: Detalle do panel informativo.

As Pedriñas.

O topónimo do lugar, “As Pedriñas”, xa predice unha concentración de pedras inusual, ou cando menos a existencia dunhas pedras peculiares que serviron de referencia para nomear este outeiro. Fóra do recinto do Centro Cultural, na “adecuación” da área recreativa, están as outras catro mámoas catalogadas.

Ademais do Territorio Cultural e da área recreativa coas seis Mámoas do Rebullón, este outeiro ofrece unha das mellores vistas á ría de Vigo e Illas Cíes.

Malia ser unha das actuacións culturais máis salientables no ámbito municipal, o Concello de Mos, coma San Martiño, parece mirar para outro lado e non promociona a visita a este conxunto nin promove a conservación das outras catro mámoas para futuras xeracións.



Foto: Unha das mámoas detrás da pista deportiva na área recreativa.

E coma sempre vai haber quen diga que eu (…), transcribo aquí a opinión que Xosé Couñago deixou no seu blog xa hai varios anos:

               “Dende aquí instamos ao concello de Mos para que se responsabilice da súa conservación e adecuada posta en valor. Os colectivos privados, como é o caso deste centro cultural, poden saber máis ou menos como actuar para a súa conservación, mais son as administracións -comezando pola local, que é a principal implicada- as que deben aplicar todas as medidas que están ao seu alcance para velar pola súa correcta protección. Neste caso vese claramente que non é así. Este concello non é o único caso que padece: máis grave é o dos restos dos dolmens destruídos que hai dentro do Mercantil, en completo abandono e sen ningún tipo de medidas adopadas ata a actualidade.”

http://xosecounhago.com/?p=116


Aínda que moitas desapareceron baixo o urbanismo descontrolado, a Gran Necrópole Peinador-Galiñeiro ten alomenos 30 mámoas catalogadas. É un gran recurso turístico e cultural pero precisa uns coidados que non recibe.

O Sendeiro das Greas (GR-58) percorre esta necrópole dende que sae de Vigo en Zamáns entrando en Mós por Erville, pasando polo alto da cruz, o Campus Universitario, o Mercantil, parque forestal de Bembribe - As Pedriñas, Puxeiros e ata Peinador.

Lamentablemente faltan máis indicadores, máis información e a posta en valor deste patrimonio.


Foto: A chamada "Mamoa do Mercantil" dentro do recinto facendo de rotonda.
Dende o camiño, durante unha visita organizada pola A.C. Festa da Prehistoria.

Foto: Os chantóns da mámoa destruída dentro do Mercantil para facer as pistas deportivas.
Neste caso, facendo tarefas de contención do peche deste recinto privado.

Foto: Ao outro lado do camiño está o resto da mámoa cortada polo camiño que pasa por detrás do Mercantil.
Foto: Unha visita organizada pola A.C. Festa da Prehistoria enriba doutra destas mámoas chamadas "do Mercantil".

Seguiremos falando de culto ás pedras e tamén de pedras asoballadas...

...pero ser botarlle a culpa de todo a San Martiño. 





No hay comentarios:

Publicar un comentario