Mañán, 29 de setembro, ás
10:00h da mañán, inaugúrase unha escultura dedicada ao ciclista mosense Óscar
Pereiro. Será no Concello do Porriño, a carón da fonte de San Sebastián -coñecida
coma “Fonte dos Ciclistas”-, lugar de reunión dos que practican este deporte
para saír a entrenar despois de encher os seus “bidóns” de auga.
UN ORGULLO PARA MIN.
Para min foi unha ledicia recibir o encargo desta obra por parte da Peña Ciclista “Óscar Pereiro”, que pecha a súa andaina con este acto, despois da retirada de Óscar do ciclismo profesional.
E foi un orgullo para min realizar
esta escultura, que xa diseñara no meu maxín en 2006, despois do feito heróico
protagonizado por Óscar ao gañar o Tour
de Francia. Toda Galiza celebrou aquel éxito e os mosenses alegrámonos
dobremente porque o galego que acadara o meirande triunfo para un ciclista era
veciño noso.
A UBICACIÓN (e a polémica).
Despois de presentarlles o
deseño da escultura aos membros da peña ciclista só quedaba escoller a ubicación. Querían que fose un
sitio de paso habitual da Volta ciclista
a España para que as imaxes aéreas captasen o monumento erixido ao noso
campeón, recordándolle aos teleespectadores que un galego (de Mós) gañara o Tour. Decidimos entre todos que o mellor
sitio sería a rotonda das Angustias, un cruce no que conflúe a N-550 (A Coruña
- Tui) e a estrada que vai de Vigo a Ponteareas, sitio de paso cáseque
obrigatorio no Sur da provincia de Pontevedra.
DE COMO MÓS PERDEU ESTA HOMENAXE.
Sabendo isto escomencei o traballo e cando só quedaba un mes para o día escollido para a inauguración (nun principio era o 23 de agosto, un día antes do arranque da Volta 2013) a peña ciclista recibiu a resposta negativa acordada por toda a corporación municipal de Mós (PP, PSOE e BNG).
As razóns expostas no comunicado
alegaban que Óscar Pereiro xa recibira a medalla de ouro do Concello e que o pavillón
deportivo municipal xa levaba o seu nome. Foi así como as “lúcidas” cabezas
pensantes da política mosense nos privaron desta homenaxe ao noso ciclista.
COMO FINALMENTE A ESCULTURA VAI SER BEN ACOLLIDA NO PORRIÑO.
UN CHAMAMENTO A TÓDOLOS MOSENSES.
Dende aquí quero facer un
chamamento a tódolos mosenses para que acudades ao acto de inauguración para
mostrar o cariño, aprecio e orgullo que temos polo noso campión. Deste xeito tamén mostraremos o desacordo coa decisión dos ¿nosos? políticos.
MOITÍSIMAS GRAZAS A…
- Aos membros da Peña ciclista, promotora e patrocinadora da homenaxe, pola vosa ilusión e os ánimos que, dende aquí e trasladándovos a Francia, lle destes a Óscar.
- Ao
concello do Porriño por acoller a escultura e facer posible a súa instalación.
- A
todos aqueles seguidores do ciclismo que se alegraron do triunfo dun galego no
Tour, e sobre todo a “Óscar Primeiro” (como adoitaba chamalo
Xurxo Souto) por aqueles momentos inolvidables.
A OBRA (UNHA BREVE DESCRICIÓN).
Non quero adiantar ningunha foto
da escultura antes da súa inauguración pero vou contarvos en poucas palabras o
que quixen expresar:
Como dixen antes, o deseño naceu
na miña cabeza en 2006-2007. Daquela visualicei ao noso Óscar Primeiro levando a Nosa
Terra polo mundo adiante, representándonos a todos os galegos a golpe
de pedal. A nosa bandeira está chantada dende entón no máis alto do deporte
e nun acontecemento identitario da República Francesa.
O TIPO DE GRANITO E O QUE A PEDRA ESCOLLIDA QUIXO SER.
Foto: Panorámica da canteira de "Silverchán", que comercializa o granito silvestre baixo o pseudónimo de "Amarillo Atlántico". |
Foto: A pedra que quixo ser cliclista pesaba 4.5 toneladas antes de quitarlle tódolos cachos que vedes ciscados arredor. |
O granito de Vilachán, comercializado
co nome de “Amarillo Atlántico”, é
un dos mellores granitos que temos en Galiza para realizar esculturas, polo seu
gran fino, a súa dureza e tamén pola súa
cor, que neste caso ven que nin pintada para representar ao galego que
conseguiu vestirse de amarelo na ronda gala. ¿Será casualidade?.
Penso que as casualidades non
existen, senón que as cousas pasan porque teñen que pasar, e mirade por onde que,
“casualmente” a pedra escollida quixo
ter un lixo, unha desas manchas “feas”
que aparecen na pedra. Pero, non vos imaxinades onde quedou esa marca que ata
quedou ben, pois apareceu no brazo esquerdo, xustamente onde lle quedou a Óscar
a marca da grave caída que tivo no Col de
Agnelo en 2008.
PARA REMATAR.
Non espero causar polémicas co que acabo de contar pero as cousas hai que decilas tal e como son. Repito, as casualidades non existen, a pedra está no Porriño porque alí quixo estar pero ao mesmo tempo... as pedras non poden estar caladas.
Despois da inauguración espero publicar algunhas fotos da obra que fixo no taller Miguel Riopa, outro "campeón" (neste caso, da fotografía).
No hay comentarios:
Publicar un comentario