Este ano que remata (continuarei en 2012) estiven promocionando e divulgando a existencia da imaxe do deus Xano de Mos co ánimo de rescatar esta escultura do esquecemento. E digo esquecemento porque dende o seu descubrimento oficial (decembro de 1996 - xaneiro 1997) publicado por Faro de Vigo, ninguén ou case que ninguén voltou falar da escultura de pedra máis antiga do Concello de Mos.
Foto: A reprodución de Xano (cara 1: o novo) no colexio "Pena de Francia".
No ano 2005, en colaboración cos escultores Seve Lago Palmero e David Iglesias Debén, fixen unha reprodución desta imaxe. Antes de comezar fomos ao Museo de Pontevedra para tirarlle unhas fotos e coller algunhas medidas. E alí nos recibiu o arqueólogo-conservador Antonio De la Peña Santos, con quen intercambiamos impresións. O caso é que atopamos a Xano metido nun almacén...
A partir do ano seguinte (2006), esta reprodución estivo presente en varias exposicións de escultura en pedra e máis tarde (2008), deseñei un formato pequeno da peza, asequible para o público en xeral. Dende ese momento comercialicei estas pequenas reproducións, que xa están presentes en moitos fogares de Mos e diversos puntos da xeografía galega, traspasando incluso as fronteiras españolas.
En 2010 fun convidado a participar na exposición “Camiño de camiños” en Redondela, sobre a ruta Xacobea. Escollín a imaxe de Xano pola relación que tivo o ritual romano deste deus coa aparición do corpo do apóstolo Santiago e a Porta Santa.
Finalmente, en 2011 decidín doar a reprodución ao C.E.I.P. Pena de Francia e fixen unha proposta ao Concello de Mos que adoptou a imaxe de Xano (formato pequeno) como agasallo institucional, respaldando a celebración dunha conferencia para salientar os aspectos culturais asociados ao culto do Deus Xano que perviven na actualidade.
Foto: Ofrenda de ramos de loureiro dos nenos do C.E.I.P. Pena de Francia.
DENDE O DESCUBRIMENTO ATA HOXE.
A imaxe do deus Xano foi atopada na década dos anos 70 por José Romero Lago, veciño do lugar de Seixabre, cando realizaba traballos comunitarios (*1) de mellora dun tramo de camiño (A Brea, Camiño Real) no lugar de “O Cruceiro”, límite das Parroquias de Dornelas e Torroso (Mos). Xunto a esta imaxe apareceu outra representación pétrea da deusa Vesta e ámbalas dúas foron gardadas por José Romero na bodega da súa casa.
Foto: José Romero Lago (Pepe do Rolo) xunto ás dúas esculturas que atopou nos anos setenta e gardou durante 26 anos na casa sen sospeitar a verdadeira importancia do achado. (*Foto cedida por Herminia Romero).
En 1996, Francisco Javier Baquero, estudoso da historia de Mos, descubriu casualmente estas esculturas cando procuraba información para o seu libro Datos históricos del ayer y hoy de Mos. As pezas foron levadas á Casa do Concello, onde varios expertos as examinaron e finalmente ingresaron no Museo de Pontevedra.
Nestas datas apareceron varios artigos na prensa (Faro de Vigo) e F. J. Baquero recolleu algunha información xenérica que máis tarde publicou no seu libro.
(*1) - Daquela, as obras públicas facíanse así, por vontade veciñal non remunerada.
Foto: A imaxe orixinal (cara 2: o vello) no museo.
VIAXE DUNHA BODEGA A OUTRA?
Dende o seu ingreso no Museo Provincial as imaxes permanecen nos almacéns (case que outra bodega) á espera de seren expostas para coñecemento do público en xeral. O arqueólogo-conservador do museo, o noso benquerido Antonio de la Peña Santos, esperaba (en 2005) unha ampliación do espazo expositivo que fixera posible acoller a arqueoloxía romana pero… xa estamos en 2012 (*2).
En fin, as esculturas máis antigas do concello (+/- 2000 anos) levan 14 anos esquecidas, o seu estudo científico foi interrompido ou está sen publicar (*3) e a imaxe de Xano segue a ser descoñecida a pesar da súa verdadeira importancia. Non hai moito que oín a un dos mellores arqueólogos do país dicir que,...
“un traballo científico que non se publica, é coma se non existise – a información, se non chega ao público, non é información ”.
(*2) - Parece que si hai sitio para a arte contemporánea, pero o que non ten perdón e que queiran abrir un restaurante no lugar que ía ser destinada a sala de arqueoloxía .
(*3) - O estudo, que quedou interrompido, comezou a facelo Calo Lourido. Neste enlace podedes ver, en inglés, o pouco que atopei publicado http://www4.uwm.edu/celtic/ekeltoi/volumes/vol6/6_3/gonzalez_ruibal_6_3.html (páx.25).
Agradecementos: Seve Lago Palmero, David Iglesias Debén, CEIP Pena de Francia, Concello de Mos, Francisco Javier Baquero, Antonio Dela Peña Santos, Ángel de Prado e a familia de José Romero Lago (na memoria).
E moi especialmente a Carlos Sánchez-Montana, de quen falarei no segundo capítulo de “O deus Xano de Mos”. Con el descubrimos como perviven os costumes dos antigos romanos na nosa sociedade e a relación do ritual de Xano coa tumba do Apóstolo Santiago, as festas de Ano Novo, a festividade do nove (festa dos arquitectos) ou o roscón de Reis do día seis de xaneiro.
Non coñecía esta estatua, con apariencia de ser castrexa. Está pouco divulgada.
ResponderEliminarEstá claro que a escultura non está realizada baixo os cánones romanos da época. Fixérona os castrexos que naquel momento vivian nas Mos, seguramente tratando de imitar un modelo romano.
EliminarA miña proposta para axudar a divulgala: nas nosas visitas ao Museo de Pontevedra deixar unha sexerencia, reclamación ou queixa ao director, facendo constar o noso interese. E dende logo preguntar ao persoal ¿perdón, en que sala se atopa a imaxe do Xano?