O sábado, 11 de novembro, subimos ata a Chan de Pou, por enriba do barrio do Pantaño (Louredo-Mós) para facer un traballo necesario no entorno da Pedra das Cruces.
A cuadrilla, composta por Manolo Figueroa (da CMM de Louredo), Carlos Graña (fillo adoptivo de Petelos), Nico Morales (da Parroquia de Dornelas), Nuria Rodríguez (dende o Morrazo) e un servidor (na compaña de "Morrón", o can petroglifeiro) acometeu a laboura de levantar un muro que ha de protexer os gravados das escorrentías torrenciais que adoitan baixar do Galleiro cando chove.
Pola tarde Diego Copena (de ADENCO) achegabase dende o outro lado da serra (Ribadetea-Ponteareas) para darlle o relevo a Carlos e Manolo e así rematar a laboriosa tarefa.
Ao mesmo tempo outro grupo de voluntarios facía varias labores (limpeza, fotografía, etc,...) baixo a dirección da arqueóloga encargada da posta en valor da Pedra das Cruces.
Todo isto ante a cercanía dunha data especial, o Día Mundial do Patrimonio (16 de novembro), que este ano contará con numerosas actividades organizadas polas asociacións integrantes da REDE DO PATRIMONIO CULTURAL en toda a xeografía galega.
Foto de Nico Morales: A cuadrilla "muriando" duramente. |
Foto de Nico Morales: Facendo o muro enriba da Pedra das Cruces. |
Foto de Nico Morales: O "encarjado" non perde detalle. |
Foto de Nico Morales: Amoreando pedras. |
Foto de Nico Morales: Nuria apañando pedras. |
Foto de Nico Morales: O muro xa case rematado. |
Pero veremos algo máis! unha nova sorpresa! As pedras siguen a falar na Terra das Mós.
Non vos perdades as publicacións desta semana nas que iremos adiantando algo e anotade o sábado (18) nas vosas axendas.