Onte foi San Martiño e non comin castañas,
cousa cáseque obrigada.
Onte fun a Pontevedra e pasei polo museo provincial, para min, visita cáseque obrigada.
Como adorador das pedras teño esa
debilidade pero cando cheguei xa faltaba pouco para o peche, quedaban 20
minutos, e dubidei,…entro ou non entro?
Dende a rúa ollei para o edificio Sarmiento e na segunda pranta mirei un tímpano románico que estaba a chamar por min. Parecía estar a cumprir a función para a que fóra feito, presidir a entrada dun edificio.
Xa dentro, e dende os pasillos interiores,
vin algunhas das pezas que están en proceso de restauración. Que o público poida
ver dende arriba o interior destes talleres é un atractivo máis que ofrece o
novo edificio.
Subín correndo ao segundo andar para ver a
nova disposición da sala de arqueoloxía e sorprendeume porque mellorou
moitísimo dende a última vez que estivera alí.
Quixen facer un repaso rápido ás pezas mosenses (1) pero antes de localizalas todas un garda de seguridade convidoume a
marchar. Que mágoa non vir con máis
tempo! Terei que voltar outro día!
Saín da sala por outra porta e topeime de
frente co timpano románico que chamara por min dende a rúa. Dende dentro vese a
cara interior da pedra que ten tallado un relevo ca imaxe dun bispo acompañado
por uns anxos e outros personaxes menores máis difíciles de interpretar.
A miña sorpresa foi ver o que indicaba a
cartela:
Apoteóse de San Martiño. Inicios do
s.XIII, San Martiño de Moaña, Pontevedra.
Que casualidade, onte era o día de San Martiño! Lembrei entón que días atrás atopara unha referencia a este personaxe como "o santo destructor de dólmenes". Seguindo o exemplo do San Martín francés, o noso san Martiño, o Dumiense, tamén adicara
grandes esforzos a loitar contra o culto ás pedras .
Non deixa de ser curioso que a imaxe do
santo destructor de mámoas teña que estar hoxe nun edificio onde se restauran,
conservan e valoran as mámoas, os petróglifos e outras pedras dos mouros(2).
Xa hai tempo, un
mestre mouro díxome que as casualidades non existen e coma se fose un castigo,
o San Martiño deste tímpano debe de sentirse coma no inferno, vendo que non
acabou co culto ás pedras.
1- Pezas atopadas no actual concello de Mós (bustos de Xano e Vesta, materiais do castro de Torroso, epígrafes romanos de Louredo e Pereiras).
2- mouro/a: adorador das pedras, ser mítico da nosa mitoloxía que ten a orixe nos pobos que viviron en Galiza na prehistoria.
2- mouro/a: adorador das pedras, ser mítico da nosa mitoloxía que ten a orixe nos pobos que viviron en Galiza na prehistoria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario